O Consello da Cultura Galega avaliará mediante xornadas online a Facultade de Belas Artes

Pontevedra
11 de marzo 2021

Co título 'A Facultade de Belas Artes de Pontevedra 30 anos despois' o Consello da Cultura Galega realizará unha valoración da situación actual do centro e analizará as súas posibilidades de futuro mediante xornadas que se desenvolverán de maneira virtual os días 15, 22 e 29 de marzo e 22 de abril 

Facultade de Belas Artes de Pontevedra

Consello da Cultura da Galegaserá o encargado de revisar o papel da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra no seu 30 aniversario.

Segundo o Diario de la Universidade de Vigo (DUVI), este organismo realizará unha valoración da situación actual da facultade e analizará as súas posibilidades de futuro mediante xornadas que se desenvolverán de maneira virtual, promovidas pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas. Nelas participarán tanto docentes que se graduaron no centro como outras persoas do sector artístico galego.

As xornadas 'A Facultade de Belas Artes de Pontevedra 30 anos despois' coordinadas por Ramón Rozas, crítico e membro da Sección de Creación e Artes Visuais do Consello, buscarán promover a importancia e o papel da facultade xuntando ao profesorado, alumnado, comisariado e artistas. Por mor da covid-19 as catro mesas de debate das xornadas serán gravadas e emitiranse posteriormente a través da web e as redes sociais do Consello.

A primeira cita será o luns 15 de marzo e abordará o papel exercido polo profesorado do centro co título 'A pegada docente. Os Mestres artistas'. Rozas moderará un coloquio no que participarán o profesor emérito e primeiro decano da facultade, Juan Fernando de Laiglesia, o fotógrafo e profesor Manuel Sendón e a artista e docente Marina Núñez.

As seguintes xornadas terán lugar o luns 22 de marzo, o luns 29 de marzo e o xoves 22 de abril, día no que se clausurarán as actividades.

Este foro súmase á outra serie de actividades que diferentes institucións dedican á Facultade de Belas Artes con motivo do seu 30 aniversario, como a exposición Cultivar incertezas. Reformular o espazo / Conmocionar a mirada, que nestes meses pode visitarse no Centro Galego de Arte Contemporánea.