O congreso "Fugas e Interferencias" busca retomar o seu formato presencial

Pontevedra
05 de marzo 2021

A organización do congreso mantén aberto ata o 4 de abril o prazo de presentación das comunicacións. Está organizado polo grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos da Facultade de Belas Artes, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e terá lugar entre o 30 de setembro e o 2 de outubro 

Unha das obra da IV edición de 'Fugas e Interferencias' Universidade de Vigo

O congreso internacional sobre arte de acción Fugas e Inteferencias tivo que cambiar o seu formato habitual para súa quinta edición no 2020 debido á covid-19.

O congreso, organizado polo grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos da Facultade de Belas Artes e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra coa colaboración do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), buscará retomar neste 2021 o seu formato presencial.

Esta sexta edición terá lugar entre o 30 de setembro e o 2 de outubro deste 2021 e a organización mantén aberto ata o 4 de abril o prazo de presentación de resumos de cara a selección das comunicacións que integrarán as súas mesas temáticas.

As propostas deberán centrarse nun dos catro eixos temáticos do congreso, a reflexión teórica sobre a performance, o seu carácter híbrido e as súas interseccións con outras disciplinas, as súas potencialidades para abordar cuestións de xénero e interactuar co contexto político e o comisariado da arte de acción. Pódense consultar as bases da convocatoria premendo aquí.

O profesor da facultade de Belas Artes e director do festival Carlos Tejo, xunto coa investigadora e crítica de arte Marta Pol, comentaron no Diario da Universidade de Vigo que lles parece fundamental retomar o formato presencial e a estructural global do congreso pero "neste momento é moi difícil saber que pasará en setembro", polo que tamén contemplan a posibilidade de desenvolver o congreso de xeito virtual pero mantendo a mesma estrutura do presencial.

Segundo Pol, un dos obxectivos cos que naceu este congreso era o de xerar unha masa crítica arredor da investigación centrada na arte de acción. Tejo comentou que en España segue faltando unha reflexión crítica sobre a performance que si hai noutros países, e recalca que se trata dunha disciplina que aínda segue olvidada, xa que a pesares de que a palabra performance está en boca de todos, non se acaba de entender.

Cabe destacar que Fugas e Interferencias é o único congreso centrado na performance que se leva a cabo en España.