Este domingo celébrase o Día das Letras Galegas, que este ano se dedica ao autor Ricardo Carvalho Calero. A área de Normalización Lingüística e dúas empresas culturais e de deseño de Pontevedra, Polo Correo do Vento e ImasV, con motivo desta data publicaron seis unidades didácticas e un xogo interactivo sobre a figura do autor ferrolán.
O Concello de Pontevedra, segundo explica o concelleiro Alberto Oubiña, quere fomentar a obra de Carvalho Calero entre o público infantil e xuvenil coa divulgación e a transmisión do legado do escritor. Estas unidades contan con preguntas e xogos que permiten coñecer o autor de 'Scórpio'.
Ao longo da semana, as redes sociais de Normalización Lingüística e a páxina web deste departamento sobe estas unidades para difundir o seu contido. O xogo interactivo que acompaña ás fichas da unidade didáctica serve para que os menores poidan gozar dos traballos do autor dunha maneira divertida. O xogo será compartido tamén polo web do Concello e da área de Normalización Lingüística este domingo 17 de maio.
Estes recursos serán trasladados tamén aos centros de ensino para que se poidan empregar nas clases telemáticas que mantén o profesorado cos estudantes durante este curso.
COMPRA DE LIBROS NO COMERCIO LOCAL
Ademais, como é tradición van repartirse libros do autor homenaxeado con motivo desta data. Se habitualmente se realizaba nunha recepción do alcalde, neste caso os exemplares serán enviados ás sedes sociais das asociacións ou aos centros escolares.
Nesta ocasión, o Concello realizou a compra de 1.200 libros en librerías pontevedresas para impulsar o comercio de proximidade nestes momentos de crise. Apórtase ao redor de 1.000 euros por librería chegando a unha cifra total de 20.000 euros. As obras van desde estudos sobre Carvalho Calero a obras do escritor como 'A xente da barreira', 'Historia da literatura galega contemporánea', 'Scórpio', 'Beleza, verdade' ou 'As pitas baixo a choiva'.