A decisión de prescindir das casetas habituais do Culturgal nas instalacións do Pazo da Cultura de Pontevedra, anunciado desde a organización da Feira das Industrias Culturais non afectará á colaboración que o Concello mantén con esta actividade, que se desenvolverá entre o 27 e o 29 de novembro.
A dirección deste evento cultural que chega este ano á décimo terceira edición decidiu que, malia contar con 80 espazos alugados, se eliminen as casetas porque as limitacións na capacidade a 60 persoas por espazo provoca que a rendibilidade da Feira para estas entidades fose moi baixa tanto economicamente como en canto a imaxe.
O Culturgal desenvolverase en cinco espazos que eviten contacto entre as persoas que asistan ás instalacións do Pazo durante eses tres días. Desta forma, manterase un Espazo Infantil e outro dedicado ao Libro, no exterior do Recinto Feiral; o Foro, que se desenvolverá na Sala de Exposicions; as sesións cinematográficas realizaranse no Salón de Actos mentres que o Auditorio acollerá os espectáculos de artes escénicas e musicais. Tanto neste último caso como no Espazo Libro, as iniciativas que se presenten serán emitidas en streaming.
Carmen Fouces, concelleira de Cultura, afirmaba este mércores que o Concello mantén o seu apoio a esta cita dentro da aposta pola cultura e pola política de non cancelar eventos. Por este motivo garantirase todo o soporte necesario " nestes momentos complicados" para que as actividades se leven a cabo neste marco. Fouces indicou que Culturgal é un exemplo en canto a adaptación á situación anómala derivada da pandemia.
Co cambio de formato tamén queda cancelada a emisión de bonos para facilitar a presenza de oito empresas culturais locales nesta edición da Feira das Industrias Culturais Galegas. Desde o goberno local sinalan que esta proposta fíxose para apoiar ao sector cultural do municipio e que ao suprimirse as casetas xa non se pode levar a cabo.