Culturgal 2020, sen casetas pola covid-19: haberá actividades en cinco escenarios e tres canles en streaming
Por Alejandro Espiño
O avance da pandemia da covid-19 en Galicia e as restricións aprobadas polas autoridades obrigou os organizadores do Culturgal a modificar os seus plans para a edición número 13 desta feira das industrias culturais de Galicia.
O Culturgal 2020 manterase nas datas previstas, entre os días 27 e 29 de novembro, pero será cun formato semipresencial que prescindirá das habituais casetas que as compañías do sector instalaban no Recinto Feiral de Pontevedra.
Os aforos de 60 persoas para espazos pechados, ata 100 se hai autorización da Xunta, non serían rendibles para os participantes, recoñece a dirección da feira, nin pola vía económica directa da venda de produtos, nin de marca pola súa presenza na feira.
A preparación da feira continuará no deseño da programación e contidos que se ofrecerán nos diferentes escenarios e cos aforos presenciais que permita a situación sanitaria. Haberá ademais emisións por streaming para que o evento chegue a todo o público interesado.
Así, "convencidos de que a cultura é segura", o Culturgal contará con cinco escenarios de programación, dedicados aos libros, á programación infantil, ás conferencias e presentacións, ao cine e ás artes escénicas, que terán o aforo presencial que se permita nese momento.
O equipo da feira traballa para que tres deses espazos, o dos libros, o foro de conferencias e a programación escénica, teñan retransmisións a través de internet.
A intención é "estimular o consumo de produtos culturais" a pesar da pandemia e traballar para que no ano 2021 o Culturgal "volva a ser a festa da cultura para grandes públicos", ocupando de novo todo o espazo dispoñible no Recinto Feiral de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Seis cooperativas e unha sociedade laboral presentarán no Culturgal os seus espectáculos e actividades
Por Redacción |
-
O Culturgal será escenario de múltiples actividades culturais promovidas desde Pontevedra
Por Redacción |
-
"Non hai pandemia que poida co Culturgal"
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
O Concello de Pontevedra apoia o novo formato de Culturgal
Por Redacción |
-
Culturgal 2020 abre o prazo para propoñer actividades para o seu programa oficial
Por Redacción |
-
Pontevedra crea un bono para que oito empresas da cidade teñan un stand de balde en Culturgal
Por María José Pita |
-
Culturgal 2020 abre o prazo de solicitude de casetas para estar no Pazo da Cultura entre o 27 e 29 de novembro
Por Redacción |