O ciclo 'Son de Orquestra' recolle a mellor tradición da música xermánica

Pontevedra
21 de abril 2016

A mellor tradición da música xermánica púidose escoitar este mércores na cidade do Lérez. O Teatro Principal foi o escenario dunha nova cita co ciclo Son de Orquestra, organizado pola Sociedade Filharmónica de Pontevedra

Concerto 'Xermolos da tradición xermánica' no ciclo Son de Orquestra da Filharmónica Diego Torrado

A mellor tradición da música xermánica púidose escoitar este mércores na cidade do Lérez. O Teatro Principal foi o escenario dunha nova cita co ciclo Son de Orquestra, organizado pola Sociedade Filharmónica de Pontevedra.

Nela, os seus integrantes, dirixidos nesta ocasión polo pontevedrés David Fiuza, interpretaron pezas dos compositores alemáns Karl María von Weber e Ludwig van Beethoven e o austríaco Gustav Mahler.

Baixo a denominación de Xermolos da tradición xermánica, a agrupación musical pontevedresa quixo achegarse ás orixes deste estilo musical a través de tres grandes obras mestras da música xermánica que no momento da súa creación supoñían unha visión pioneira, grazas á súa tradición, maxestosidade e solemnidade.

E o público, que encheu o patio de butacas do Teatro Principal, gozou coa interpretación de Der Freischütz (traducido como O Cazador Furtivo) de Weber, considerada a primeira gran ópera romántica alemá; Lieder eines fahrenden Gesellen (traducido por Cancións do camiñante) de Mahler; ou a Sinfonía número 5 de Beethoven

Ademais, como é habitual neste ciclo, unha hora antes do concerto membros da orquestra mantiveron unha conversación aberta co público sobre este concerto e os temas que se ían a interpretar a continuación.