O ciclo de teatro galego volve a Vilagarcía con catro espectáculos desde setembro

O Salnés
29 de agosto 2023

Catro compañías galegas amosarán en Vilagarcía as súas novas montaxes teatrais. Será nunha nova edición do ciclo de teatro organizado a través do convenio cultural asinado entre o Concello e a Agadic para a programación que haberá entre setembro e decembro

Escena de "A nena que vivía nunha caixiña de mistos" Caramuxo Teatro

Catro compañías galegas amosarán en Vilagarcía as súas novas montaxes teatrais. Será nunha nova edición do ciclo de teatro organizado a través do convenio cultural asinado entre o Concello e a Agadic para a programación que haberá entre setembro e decembro.

O ciclo abrirase o 23 de setembro coa montaxe da compañía Caramuxo para o público familiar A nena que vivía nunha caixiña de mistos.

Inspirada no conto de Andersen A vendedora de mistos, trátase dunha proposta de teatro de actriz e monicreques case sen palabras, que recorda ás películas clásicas do cine mudo en branco e negro e que conta con música en directo.

A compañía Amorodio Teatro subirá ao escenario o 30 de setembro para poñer en escena A Nai, un traballo multidisciplinar que, sen perder nunca o sentido do humor, emprega ferramentas do xénero documental e da autoficción.

A través das figuras das irmás Touza e da súa fazaña de salvar a centos de persoas durante o Holocausto, o texto aborda a posibilidade de sermos mellores aínda en tempos de degradación moral.

Quico Cadaval dirixe O Porco de Pé, a obra que Producións Teatrais Excéntricas representará o 11 de outubro. Baseada no texto de Vicente Risco, o espectáculo preséntase como unha peza de teatro de barracón, aquel que na infancia fascinaba e asustaba a partes iguais.

Por esta viaxe á fascinante década dos anos 20 do século XX pasarán, como nunha lanterna máxica, anarquistas, esportistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vanguardistas, caciquistas, futuristas, pasadistas e presentistas.

A tempada de outono rematará o 25 de novembro con O Deus do Pop, unha innovadora proposta de Diego Anido que el mesmo protagoniza despois de ser galardoado co Premio Mestre Mateo e nominado aos Premios Goya polo seu traballo cinematográfico en As bestas.

As entradas para estes espectáculos xa están á venda, a un prezo reducido de 5 euros, a través de Ataquilla.com. Mantense ademais a entrada bonificada a 3 euros para os colectivos de persoas maiores, desempregados e titulares do carné xove.