A Deputación de Pontevedra vai poñer en escena o ciclo de teatro 'Barracas', unha iniciativa que pretende espallar a memoria histórica, a cultura e a lingua nos concellos provincia con representacións de pezas de estrea de compañías escénicas galegas.
As representacións terán lugar en Vilagarcía, Silleda, Moaña, Gondomar, Tomiño e O Grove entre os meses de marzo e xuño e serán totalmente de balde para o público.
O ciclo foi presentado este venres pola deputada de Memoria Histórica María Ortega, quen explicou que a Deputación decidiuse a levar adiante o proxecto por un dobre motivo: garantir que as compañías do país conten con respaldo económico que as anime a proxectar textos referentes á memoria, xa que nalgún caso había obras con perigo de quedar no caixón se non contaba co apoio provincial; e por outro, espallar entre a cidadanía a memoria con perspectiva de país, xénero e clase.
En concreto, realizaranse dous pases de 'As alumnas' da compañía Culturactiva, que estarán o 4 de marzo en Vilagarcía de Arousa –Auditorio- e no Concello de Moaña o 18 de marzo –Sala Celso Parada Quintela-; outros dous pases de 'O péndulo' de Inversa Teatro o 11 de marzo en Silleda –Auditorio Manuel Dopazo en A Bandeira-, e o 26 de marzo en Gondomar – Auditorio Municipal Lois Tobío-; e outros dous pases de 'Miss Docet' de Compañía Eléctrica, o sábado 28 de maio en Tomiño –Auditorio de Goián- e o 4 de xuño en O Grove –tamén no auditorio-.
Iria Pinheiro e María Reimóndez, de Compañía Eléctrica, Mónica Caamaño, actriz de Culturactiva, e Marta Pérez, que ademais de dramaturga é bisneta dun dos represaliados nos que se fala na peza de Inversa Teatro, foron as encargadas de falar sobre cada unha das obras que se van representar.
Mónica Caamaño explicou que 'As alumnas' pon o foco na "imprescindible" figura de María Barbeito, unha muller revolucionaria a nivel pedagóxico e no desenvolvemento cultural de Galicia. O texto da peza foi feito por Paula Carballeira quen, alén de facer un traballo documental, recolleu o romper do silencio de dúas alumnas da propia mestra ao xuntarse no momento do seu enterro. A dirección é de Fina Calleja e as alumnas son encarnadas por Anabel Galo e Mónica Caamaño.
Pola súa banda, Compañía Eléctrica será a responsable de levar a escena a obra 'Miss Docet' sobre a vida de Emilia Docet Ríos, coñecida como a Miss España Galeguista, unha figura silenciada pola historia. Iria Pinheiro explicou que se trata dun espectáculo coa dirección de Vanesa Sotelo e na escrita con María Reimóndez, na que ela aparece en escena como actriz única.
Pinheiro engadiu que ao poñer en marcha a obra "atraíanos moito que pertencera ao Partido Galeguista e que aproveitando o concurso de Miss, ela con 17 anos, exercera o seu galeguismo e tivera unha implicación política". Como nota anecdótica, abondou, no primeiro proceso de Miss Galicia, no xurado estaban persoas como Jenaro de la Fuente, Carlos Masside e Castelao. "Iso xa dá unha idea dos tons polos que imos ir pasando", dixo.
Finalmente 'O péndulo' de Inversa Teatro pretende amosar como se desenvolveu o golpe de Estado de 1936 en Galicia a través da historia de Tirso Gómez Freijido, veciño de A Cañiza apresado con María Gómez, a única alcaldesa galega durante a II República. Ela salvou a súa vida pero Tirso foi asasinado con outros republicanos como o mestre Antonio Mojón, Justo Moure ou Jesús Eugenio Pérez.
A obra é o resultado dunha investigación auspiciada pola bisneta de Tirso, Marta Pérez, co-dramaturga e actriz da montaxe, na que tivo un peso especial a correspondencia dos fusilados. A peza permite amosar como a xeración bisneta bota luz sobre o que non pode ficar no escuro e contar a historia dende unha perspectiva de xénero, dende a vista da muller e a filla dun dos fusilados.
A propia Marta Pérez destacou que é o "proxecto máis especial do que levo desenvolvido ata agora porque falo dende a memoria histórica pero tamén dende o persoal. (...) A obra é 'O péndulo' porque eu estou constantemente buscando que facer, que dicir, e vendo ata onde podo chegar. Intentarei facela co máximo cariño e respecto, non só pola miña familia, senón polo resto das familias implicadas e coas que teño contacto".
Ademais de participar como dramaturga e actriz, "debido á carga emocional que supón para min" Pérez precisou de axuda na coescrita de Ernesto Eis e na dirección Carlos Álvarez Osorio, En escena están tamén Rosa Puga Davila e Nerea Brey.