O ciclo de conferencias 'Tempo de lecer' volve os mércores de agosto ao Centro Social do Mar de Bueu

Bueu
01 de agosto 2024

O Concello de Bueu e o grupo 'O mar por diante' organizan este ciclo de conferencias que busca poñer en valor a historia da vila así como recuperar as súas voces culturais, artísticas e literarias ao longo do tempo

Presentación do ciclo de conferencias 'Tempo de lecer'

O Concello de Bueu e o grupo 'O mar por diante' organizan o ciclo de conferencias 'Tempo de lecer', que se celebrará todos os mércores de agosto ás 20.30 horas no Centro Social do Mar, e que busca poñer en valor a historia da vila así como recuperar as súas voces culturais, artísticas e literarias ao longo do tempo. 

O programa comezará o vindeiro mércores, 7 de agosto, coa mesa redonda "Texto e territorio IV", na que participarán artistas da vila ou vinculados a ela, como Cristóbal Gabarrón, José María Barreiro, Olalla González, Marc Taeger e Nerea Cordeiro, coa moderación de Salvador Castro Otero. A través desta mesa búscase visibilizar o talento da creación e ao tempo que se analizan os vasos comunicantes posibles entre creación, reflexión, formación, escrita e territorio. Así mesmo, tamén se reflexionará sobre o xeito no que o espazo familiar de desenvolvemento persoal inflúe na creación artística.

O 14 de agosto será a quenda do xornalista Francisco Rodríguez Pastoriza, quen analizará as testemuñas visuais da Guerra Civil española, así como os autores das mesmas. 

O investigador local Arturo Sánchez Cidrás falará o 21 sobre a historia do cinema e do teatro en Bueu. Dende o cine mudo até o cinemascope, das proxeccións ao aire libre ás salas.

O programa rematará coa conferencia "O mar feito arte: a pegada de Urbano Lugrís en Bueu", a cargo do xornalista Francisco Rodríguez Pastoriza nunha conversa con José María Barreiro.

Ademais das propias charlas, dende o Concello de Bueu anúnciase a publicación de varios libros que reunirán o contido das mesmas e que se entregarán de balde ao público asistente.