O certame 'Novos Valores' do Museo recibe 52 propostas

Pontevedra
01 de xuño 2023

Dúas obras quedaron excluídas por identificarse en sede electrónica

Novos Valores 2023 Deputación de Pontevedra

O certame de artes plásticas 'Novos Valores' do Museo de Pontevedra vén de recibir 52 propostas de participación, unha cifra moi semellante á do pasado exercicio.

Medio cento presentáronse de maneira válida e dúas foron excluídas posto que as persoas autoras identificáronse na sede electrónica e o proceso debe garantir o total anonimato.

As 50 obras presentadas pódense clasificar en 9 pinturas, 16 esculturas, 2 debuxos, 4 deseños, 1 gravado, 5 fotografías, 5 cerámicas, 5 vídeo creacións e 3 pezas de costura. Unha vez cumprimentado o trámite inicial será cando as persoas participantes deberán achegar -, entre o 22 e o 26 de maio- un adianto fotográfico da súa obra. 

Nese adianto debe incluírse o modelo de presentación anonimizado –co código do proxecto-; ata cinco fotografías da creación nun formato adaptado aos admitidos na sede electrónica; unha memoria da obra presentada que inclúa a ficha técnica da mesma (título, técnica, medidas, ano de realización) e a súa descrición; un informe cos traballos desenvolvidos para coñecer a traxectoria artística; e a presentación, detallada e expresa, da finalidade ou do destino formativo para o que se concorre á bolsa.

Na segunda fase, convocarase o xurado para examinar, valorar e seleccionar ata un máximo de 25 propostas de entre as presentadas, coas que se conformará a mostra ‘Novos Valores 2023’, que estará aberta ao público no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra do 13 de xullo ao 17 de setembro. Na terceira fase farase a presentación da obra orixinal para a montaxe da exposición. 

Xa finalmente, na cuarta fase, coas obras seleccionadas xa expostas, e antes de inaugurar a mostra, convocarase de novo ao xurado para que, unha vez examine e valore as obras, propoña catro persoas autoras das obras merecedoras das bolsas.

Os premios Novos Valores pretenden ser un recoñecemento e recompensa da Deputación de Pontevedra a destacadas obras orixinais e inéditas, seguindo o labor de patrocinio e a concesión de axudas a creadores noveis que se vén a realizar de maneira histórica dende a segunda metade do século XIX.

Os premios consistirán na adxudicación, entre as obras seleccionadas, de catro bolsas, cada unha por un importe de sete mil cincocentos (7.500) euros brutos, para que autoras e autores amplíen os seus estudos artísticos.