A concelleira de Cultura do Concello de Poio, a nacionalista Raquel Rodríguez, e a presidenta da Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Raxó, Carmen Portela, deron a coñecer este martes os actos para celebrar o Día das Letras Galegas coa homenaxe á escritora lucense Xela Arias.
O programa que se desenvolverá entre o domingo 16 e o luns 1 no propio centro cultural de Raxó, incluirá contacontos, un faladoiro ou a tradicional entrega de premios aos gañadores do certame literario Xaime Illa Couto.
As prazas para a asistencia destas actividades son limitadas, polo que Raquel Rodríguez advertiu de que será requisito indispensable reservar asistencia nos días previos, chamando ao 986770001 (extensión 1207). Tamén é posible facelo enviando un correo electrónico a poiocultura@concellopoio.gal.
A titular de Cultura incidiu na importancia de "poñer en valor e dar a coñecer a obra dunha muller referente no eido da lingua e da cultura galega como foi Xela Arias".
Partindo desa filosofía, o departamento municipal apostou por desenvolver iniciativas que servisen para achegar os detalles da súa obra a xente de todas as idades. Entre elas, figura o contacontos Arredor de Xela, que terá lugar o domingo ás 17.30 horas e que correrá a cargo de Raquel Queizás.
A principios de maio o alumnado de primeiro de ESO do IES traballou nun obradoiro, impartido pola artista multidisciplinar Neves Seara, a través do cal fixéronse deseños e 'collages' inspirándose no texto Poema a Darío. Estas propostas forman parte dunha exposición no propio centro cultural Xaime Illa.
O luns 17 de maio, ás 12.00 horas, haberá un faladoiro que versará sobre o protagonismo da lingua galega no periodismo actual, así como o seu impacto no ámbito da poesía. As súas protagonistas serán a xornalista Susana Pedreira e a poeta de Combarro Tamara Andrés.
Pola tarde, procederase á entrega dos premios ás persoas gañadoras do certame literario ao que se presentaron 112 textos, dos cales 60 correspondían a poemas e 52 a relato curto.
Este acto contará coa participación do dúo Cámara Xarima e da agrupación Sementes de Liberdade, do instituto, que se encargarán de por música a varios textos de Xela Arias.