O Sexto Edificio do Museo acollía este xoves a presentación dunha edición especial dos tres álbums de guerra de Alfonso R. Castelao, elaborada pola Editorial Galaxia por encargo da Deputación de Pontevedra.
Xosé Leal, deputado de Cultura e Lingua, era o encargado de abrir o acto que se desenvolvía noaniversario do nacemento do autor de Rianxo, do que os seus principais traballos permanecen recollidos no Museo de Pontevedra.
O evento contou coa participación da investigadora da Universidade de Vigo, Diana Vilas; o académico da RAG, Xesús Alonso Montero; o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e coas intervencións do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a presidenta da Deputación, Carmela Silva. Ademais, tamén asistiron o alcalde de Poio, Luciano Sobral e a tenente de alcalde Chelo Besada, ademais do rexedor de Barro, Xosé Manuel Abraldes, entre outros representantes políticos e culturais. Destacaba a presenza do ex director do Museo, Carlos Valle.
A edición facsímil dos álbumes de guerra ofrece, segundo explicaba a presidenta provincial, unha visión para non olvidar o sucedido en Galicia, de forma que se estableza unha reflexión de cara ao futuro. "Vivimos un momento convulso, de mentiras tóxicas, de furia, de falta de reflexión profunda e eu creo que é máis necesario que nunca mirar cara atrás", apuntou Carmela Silva.
Os álbumes 'Galicia mártir', 'Atila en Galicia' e 'Milicianos' recollen a obra máis comprometida e visualmente máis impactante de Castelao. Como sinalaba Xesús Alonso Montero, trátase do "Guernica" da figura máis importante da cultura galega do século XX.
Tras as intervencións, o público asistíu a unha degustación en versión vermú do menú da cea presentada no Casino de Pontevedra no ano 1918, que contou coas ilustracións de Castelao. Este menú elaborado polo alumnado do CIFP Carlos Oroza introducía algunha actualización sobre o orixinal ofrecendo unha homenaxe á relación intensa de Castelao coa cidade do Lérez.