O campus pontevedrés, escenario da constitución da rede internacional de cátedras sobre José Saramago

Pontevedra
22 de outubro 2019

As cuartas xornadas van celebrarse na sede da Vicerreitoría do 2 ao 4 de decembro. As seis cátedras dedicadas ao autor convertiranse nunha rede internacional nesta cita onde se vai tratar o activismo político do autor portugués

Xornadas 'Saramago nos 20 Anos do Premio Nobel: Literatura, Arte e Política' DUVI

A sede da Vicerreitoría do campus, situada na Casa das Campás, acollerá do 2 ao 4 de decembro as xornadas da Cátedra Internacional José Saramago (CJS), organizadas pola Universidade de Vigo.

Trátase da cuarta edición e terá como título 'Saramago e os desafíos do noso tempo'. Desta forma vai analizarse a figura do escritor portugués como home preocupado polas culturas minorizadas, pola igualdade de xéneros, polo ecoloxismo e polos dereitos humanos, entre outras facetas. A intención, segundo o profesor Burghard Baltrusch, director do CJS, é analizar a súa actividade política.

A cita, segundo se recolle no DUVI, permitirá tamén crear unha Rede Internacional de Cátedras Galego-Lusófonas (Ricagal), na que se concentrarán as seis cátedras que se dedican ao autor de 'Ensaio sobre a cegueira'.

Con esta premisa as universidades de Vigo, Barcelona, Granada, Roma, Autonóma de México e Nacional de Córdoba (Arxentina) uniránse neste proxecto do que tamén formarán parte outras cátedras como a Université Sorbonne Nouvelle de París ou a Universidade Católica Portuguesa do Porto, entre outras.

Integrantes desta rede participarán nas mesas de debate para abordar o pensamento de Saramago en relación ás problemáticas actuais relacionadas coa crise ambiental e a crise das Humanidades.

Ademais das comunicacións e das mesas de debate desenvolverase un programa coa estrea da curtametraxe de animación 'A desforra/El desquite', que xorde da obra 'O conto da Ilha Desconhecida' a presentación dunha exposición do making off desa curtametraxe e unha mostra de banda deseñada sobre a vida de Saramago. Ademais, a dramaturga Vanesa Sotelo presentará unha adaptación teatral do poemario 'O ano 1993'.