'O auto do Castromil' visitou Pontevedra coincidindo coa gala de entrega dos Premios de Teatro María Casares

Pontevedra
22 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O espectáculo da compañía Excéntricas gañou o III concurso de proxectos convocado pola Fundación Manuel María. Mentres a equipa artística realizaba a función este xoves no Teatro Principal de Pontevedra dentro do ciclo Ponteatro, repartíanse os premios que concede a Asociación de Actores e Actrices de Galicia na gala celebrada na Coruña onde a obra 'O auto do Castromil' era finalista en cinco categorías e obtivo os premios á mellor dirección e ao mellor vestiario

'O auto do Castromil' de Excéntricas Producións Mónica Patxot

'O auto do Castromil', a montaxe da compañía Excéntricas lograba divertir e sorprender o público do Teatro Principal nunha nova cita co ciclo Ponteatro, que promove o Concello de Pontevedra.

A función tiña a singularidade de que coincidía coa celebración da gala de entrega dos Premios de Teatro María Casares, que organiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. O espectáculo era finalista en cinco categorías: mellor espectáculo; Quico Cadaval como mellor dirección; Víctor Mosqueira como mellor actor protagonista; Piti Sanz como autor da mellor música orixinal; e Carlos Alonso, na sección de mellor vestiario.

Finalmente, este espectáculo de Producións Teatrais Excéntricas, en coprodución co CDG, acadaba dous premios, os correspondentes a dirección para Quico Cadaval, compartido con Tito Asorey ('Unha inimiga do pobo'), e vestiario.

Mentres a gala desenvolvíase no Teatro Rosalía da Coruña, en Pontevedra o público que enchía as butacas do Principal puido gozar desta obra que gañou o III concurso de proxectos convocado pola Fundación Manuel María.

Sobre as táboas, Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez escenificaron esa proposta dunha viaxe onírico nun autobús no que os pasaxeiros dormen e posiblemente o condutor tamén. 

Ao longo da trama, chea de humor e rebeldía, realízase un repaso á historia de Galicia recollendo pasaxes de 'O Auto dos semulados da Caravilla' , 'Unha vez foi o trebón', 'Abril de Lume e Ferro', 'A rebelión dos baús' e 'O Entremés da OTAN' do autor lugués Manuel María.