O auditorio de Vilagarcía acolle os espectáculos de tres compañías galegas de teatro e unha de danza

O Salnés
23 de xaneiro 2024

As comedias "Entrega en man" e "Iribarne", o drama "Hamelín" e a versión vangardista do baile tradicional "Ceibe" representaranse entre febreiro e maio

"Hamelín", de Redrum Teatro Redrum Teatro

A programación do auditorio municipal de Vilagarcía para os primeiros meses do ano incluirá catro espectáculos a través da colaboración que manteñen o Concello de Vilagarcía e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Nesta ocasión serán as últimas montaxes das compañías teatrais ButacaZero, Redrum e Contraproducións, e un espectáculo de danza a cargo Urdime, todas elas de sinatura galega.

Comedia, drama e baile tradicional compoñen este interesante combo de actuacións que se representarán entre os meses de febreiro e maio e que o público poderá presenciar a prezo reducido de 5 euros, ofertando o Concello bonificacións especiais para xóvenes, persoas maiores e desempregados. 

O ciclo ábrese o 24 de febreiro coa aplaudida proposta de Butacazero "Iribarne", unha comedia con ritmo frenético onde o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga – vaise relevando sobre o escenario para interpretar a Manuel Fraga.

O drama chega o 6 de abril da man de Redrum Teatro e "Hamelín", unha versión áspera do conto popular do mesmo título na que o seu autor, Juan Mayorga, aborda a temática da pederastia dun xeito moi sutil pero cheo de verdade. Con este texto Mayorga, Premio Princesa de Asturias das Letras en 2022, obtivo o Premio Max en 2006. Machi Salgado, Guillermo Carbajo, Laura Míguez, César Goldi, Fran Lareu, Rubén Porto e Mónica García son os actores que interveñen na obra.

A compañía Urdime regresa a Vilagarcía o 26 de abril para representar "Ceibe", unha obra de baile e música tradicional de Fran Sieira dirixida polo bailarín Sergio R. Suárez, na que se revisan as categorías de xénero e os estereotipos impostos socialmente na manifestación cultural que é o baile tradicional. O espectáculo porá en escena a oito bailaríns e bailadoras e contará coa música de Xisco Feijoó e Carlos Quintá.

A programación pecharase o 25 de maio coa obra de teatro "Entrega en man", da compañía Contraproducións. Evaristo Calvo, Santi Romay, María Roja y Diego Sales interpretan esta comedia baseada nun texto do dramaturgo Martin McDonagh adaptada para a ocasión por Cándido Pazó.