O Atlantic Fest incorpora os británicos Maximo Park ao seu cartel

O Salnés
08 de marzo 2017

A banda inglesa Maximo Park tamén estará na segunda edición do Atlantic Fest, o festival de música que se celebrará na Illa de Arousa entre o 30 de xuño e o 2 de xullo, segundo confirmaron os organizadores. Súmase así a un cartel no que xa figuraban Los Planetas, The Temper Trap, Joe Crepúsculo, Rosalía e Raül Refree e Os Amigos dos Músicos

Maximo Park Atlantic Fest

A banda inglesa Maximo Park tamén estará na segunda edición do Atlantic Fest, o festival de música que se celebrará na Illa de Arousa entre o 30 de xuño e o 2 de xullo, segundo confirmaron os organizadores.

Súmase así a un cartel no que xa figuraban Los Planetas, The Temper Trap, Joe Crepúsculo, Rosalía e Raül Refree e Os Amigos dos Músicos.

Con preto de dous millóns de discos vendidos e catro álbums que alcanzaron o top 10 británico, Maximo Park subirá o 1 de xullo ao escenario Son Estrella Galicia de Atlantic Fest.

Presentará en directo Risk to Exist, o sexto álbum da banda de Newcastle, que será publicado o próximo 21 de abril.

O disco é descrito por Paul Smith, líder do grupo, como un álbum sobre a empatía. "Algunhas cancións son simplemente mensaxes de solidariedade e outras flúen con rabia contra a elitista orde establecida da sociedade británica", explica. Musicalmente, as cancións reflicten un xiro cara ao soul ou o groove, permitindo máis espazos para arranxos que traballos anteriores.

Mimi Parker, dos aclamados Low, colaborou coa banda poñendo voces en cinco temas do disco, incluído o primeiro single Risk To Exist.

O tema dá título ao disco é unha mordaz introdución ao seu contido, segundo a promotora do festival. Son tres minutos e medio de perfección indie punk elaborada ao redor dunha batería que atrapa, impoñentes coros e un rogo á humanidade e compaixón inspirada pola resposta de Occidente cara á crise migratoria.