O Arquivo reúne títulos, artigos e audiovisuais relacionados con Carvalho Calero

Pontevedra
16 de maio 2020

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico ten nos seus fondos 436 títulos en galego publicados pola editorial propia, 10.220 monografías, 444 revistas, 28.244 artigos, e 11.445 audiovisuais

Edificio do Arquivo do Patrimonio Cultural da Deputación Deputación Provincial

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra difunde este sábado na súa páxina web varias ligazóns nas que se fai unha importante escolma de títulos relacionados tanto co Día das Letras Galegas coma coa figura do autor homenaxeado neste ano 2020, Carvalho Calero.

Todos eles, xunto con máis de 200 artigos de publicacións periódicas sobre o autor ferrolán, e documentos audiovisuais nos que intervén o autor -como por exemplo "Patria poética" ou "O inmenso don Ramón"-, estarán dispoñibles para o préstamo a domicilio e a consulta en sala unha vez rematen as restricións pola COVID-19.

Con esta divulgación o Arquivo quere sumarse ás celebracións da Deputación polo Día das Letras –a pesares de que os actos oficiais están adiados-, lembrando que entre os seus fondos dispón de 436 publicacións en galego publicadas pola editorial da Deputación. En total son 10.220 as publicacións monográficas, 44 as revistas, 28.244 os artigos incluídos en revistas de diferente tipoloxía, así como 11.445 audiovisuais de todo tipo (vídeos, música, verbas…) dos que dispón.

É preciso lembrar que para poder consultar todos os fondos escolmados é preciso agardar á apertura ao público das instalación do Arquivo na rúa Pai Amoedo. Nestes momentos estase a preparar todo o Servizo para poder atender primeiramente visitas con cita previa seguindo os protocolos sanitarios establecidos. Mentres tanto, a documentación dixitalizada dispoñible pode consultarse tamén no portal AtoPo (atopo.depo.gal).

MÁIS ACTIVIDADES DAS LETRAS

Ademais desta pequena actividade das Letras Galegas, a Deputación puxo en marcha esta semana outras iniciativas relacionadas coa festa da lingua.

Entre elas está a produción de 24 vídeos nos que autores locais len fragmentos da obra de Calero, e a súa difusión nas redes sociais da institución ao longo de toda esta semana e ata o domingo 17M. Todos eles foron recompilados baixo o lema "A nosa lingua é a nosa identidade".

As e os autores participantes son Fina Casalderrey, Carlos Taboada, María Xosé Porteiro, Miguel Anxo Alonso, Eva Mejuto, Rafael Fernández Lourenzo, Miriam Ferradáns, Ramón Caride, Tamara Andrés, X. Rodríguez Álvarez, Montse Fajardo, Xosé Luna, Susana Sánchez Arins, Xosé Daniel Costas, Lucía Novas, Álex Alonso, Iria Misa, Cruz Martínez, Nee Barros, Ramón Nicolás, Macamen Alonso, Marta Dacosta e Elena Gallego. A deputada María Ortega agradeceu a todos eles a súa colaboración na iniciativa e o seu traballo a prol do idioma.