O alumnado de Belas Artes presenta dúas exposicións en torno á pintura e o gravado

Pontevedra
19 de abril 2023

Na Casa das Campás exhíbense 80 traballos realizados para unha materia de técnicas gráficas e, no espazo 'O Abrigo' catro estudantes presentan unha serie de obras ligadas á exploración do espazo

Alumnos de Belas Artes Universidade de Vigo

Despois de que as convocatorias abertas no presente curso para a adxudicación da cafetaría da facultade quedasen desertas, desde o Decanato de Belas Artes acometeuse o acondicionamento do espazo que ocupaba este servizo co propósito de destinalo temporalmente á organización de exposicións e actividades por parte do alumnado. 

Naceu así 'O Abrigo', que este luns estreaba a súa quinta exposición, promovida polos estudantes Lidia Amado, Manuel Balsas e Raúl Ordóñez e o egresado da facultade Andrés Urbieta. 

Ata o 28 de abril poderá visitarse neste espazo (In)conexos, mostra na que buscan "xerar un diálogo a través da reunión das nosas obras", xa que a pesar de que os seus traballos parten dunha "idea, un discurso e unha intención distintas", conflúen todas elas en torno "á exploración do espazo". 

Por outra banda, preto de 80 gravados, realizados coas técnicas da augaforte e augatinta e que teñen como eixe temático o erotismo reúnense desde este martes na sala de exposicións da Casa das Campás. 

Como explica a estudante Xulia Arias, que se encargou de articular esta mostra xunto con Patricia Táboas e Iñigo Barreiro, trátase dunha mostra que reúne unha escolma dos traballos realizados polo alumnado do Grao en Belas Artes no marco da materia Técnicas gráficas, que poderá visitarse ata o vindeiro martes 25.