O actor pontevedrés Xurxo Cortázar volve a casa este mércores coa traxicomedia '32m2'

Pontevedra
29 de marzo 2021

O Teatro Principal de Pontevedra acolle esta semana unha dobre función do novo espectáculo '32m2', unha peza de teatro absurdo sobre o confinamento protagonizada polo pontevedrés Xurxo Cortázar e Nuria Gullón. A cita terá lugar este mércores 31 e o xoves 1 a partir das 20.00 horas

O pontevedrés Xurxo Cortázar e Nuria Gullón ensaiando a obra '32m2' Serxo González

O Teatro Principal de Pontevedra acolle esta semana unha dobre función do novo espectáculo da plataforma creativaButacaZero: a traxicomedia '32m2', unha peza de teatro absurdo sobre o confinamento protagonizada polo pontevedrés Xurxo Cortázar.

O proxecto de Esther F. Carrodeguas e de Xavier Castiñeira propón unha viaxe cara un pasado recente "á fin de provocar unha catarse colectiva ante un acontecemento que marcou, e marcará, a vida da sociedade". A cita terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra este mércores 31 e o xoves 1 a partir das 20.00 horas.

Cuestións como a soidade, o abandono, as complexidades das relacións interpersoais ou o estrés e o os ritmos frenéticos impostos na 'vella normalidade' serán algúns dos temas que se visualizarán nesta peza.

A través de elementos cómicos e tráxicos, '32m2' pon o foco sobre a convivencia da sociedade coa precariedade e as desigualdades na súa vida cotiá a través da mirada de Mar e Xan (Nuria Gullón e o pontevedrés Xurxo Cortázar). Esta parella que se considera a si mesma como 'antisistema' e viven con tranquilidade nun pequeno piso dunha superficie de 32 metros cadrados ata que, de súpeto, un día confinan a toda a poboación.