O Premio Cinema Galego, que se entrega cada ano no marco do festival FICBUEU para recoñecer unha traxectoria destacada na industria audiovisual galega, xa ten destinatario para a súa edición de 2022. Será para o actor Miguel de Lira.
O actor, que conta cunha ampla bagaxe en cinema, televisión e teatro, únese así a premiados como Alfonso Agra, Antonio Durán "Morris", Mabel Rivera, Luis Zahera ou Melania Cruz.
O seu extenso percorrido profesional comezou durante os seus estudos universitarios, cando entra en contacto co mundo teatral e convértese en membro fundador do grupo Chévere, no que traballa como director, actor e produtor desde 1986.
Tres anos despois daría o salto á pequena e á gran pantalla, debutando na TVG no programa de humor Velaí… e no cinema coa película Urxa.
Entre as dúas pantallas foi desenvolvendo gran parte da súa extensa e exitosa carreira, participando en series como Mareas Vivas, Pepe o inglés, Los hombres de Paco ou Matadero, e en filmes como Entre bateas, Crebinsky ou Eroski Paraíso, a cal tamén interpretou en teatro.
No ámbito do cinema ten participado en gran cantidade de curtametraxes e en máis de vinte longametraxes, sendo os máis recentes e destacados Cuñados de Toño López, Ons de Alfonso Zarauza, Dhogs de Andrés Goteira ou A esmorga de Ignacio Vilar.