O 70% dos músicos de jazz en Galicia veñen da man do Seminario Permanente de Pontevedra

Pontevedra
18 de setembro 2023

O próximo 25 de setembro comeza un novo curso do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra que se prolongará ata o 31 de maio de 2024

Concerto de Nadal do Seminario Permanente de Jazz Diego Torrado

O próximo 25 de setembro comeza un novo curso do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra que se prolongará ata o 31 de maio de 2024. 

Esta actividade leva xa 23 anos sendo o referente deste estilo musical en Galicia, traballando dous piares básicos: a formación de futuros músicos e a dinamización deste estilo na sociedade por medio de ciclos de jazz, concertos didácticos para escolares ou a edición de traballos discográficos.

O Seminario Permanente de Jazz (SPJ) é unha experiencia docente iniciada en Cangas en 2000 por Luís Carballo coa colaboración de Abe Rábade e Paco Charlín como un curso de iniciación ao jazz e que ao pouco se trasladou a Pontevedra. Consiste en varias clases semanais nas que se imparte unha formación permanente en combo, harmonía e improvisación, ciclos de jazz... "Unha aposta pola formación en calidade", comentou Charlín.

O SPJ foi pioneiro na produción de discos nos que se plasma o traballo de todo o seu alumnado non só nos cursos intensivos, senón tamén na promoción de ciclos como o "Jazz non Principal", ou en "Pontejazz" (no Festival Internacional de Jazz de Pontevedra), ou cursos como o "Pontejazz Workshop".

Paco Charlín cre que "o 70% dos músicos de jazz en Galicia veñen da man do Seminario Permanente de Pontevedra". 

Agora está aberto o prazo de inscrición para o 23º Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (curso 2023-2024), que ten unha matrícula de 700 euros e que contará cun claustro de profesorado no que se atopan Abe Rábade, Paco Charlín, Virxilio Da Silva e Max Gómez.

"Non só se achegan músicos do gremio do jazz, tamén xente que ven do pop, rock, blues, mesmo do folk, que queren experimentar para ter outros tipo de coñecementos ou puntos de vista", sinala Paco Charlín. 

O SPJ é "unha experiencia moi aberta" que non ocupa o espazo dun conservatorio ou dunha escola de música, "non é un centro regrado nin o pretende" sino que "a xente ven a facer música na parte práctica", resumiu Luís Carballo.