Numeroso público arroupa a presentación do libro de memorias de Xosé Fortes

Pontevedra
14 de setembro 2019

O libro 'A rienda suelta' foi presentado na zona acristalada do Museo de Pontevedra polo autor e polos seus fillos, Susana e Xabier, ante a presenza de representantes políticos de diferentes formacións. O Ateneo de Pontevedra organizou o acto

Presentación do libro 'A rienda suelta', de Xosé Fortes Cristina Saiz

O historiador Xosé Fortes presentaba no atardecer deste venres o seu libro de memorias 'A rienda suelta'. O acto organizado polo Ateneo de Pontevedra desenvolvíase na zona acristalada do Sexto Edificio do Museo coa presenza de numeroso público.

Ademais do autor, na mesa de presentación atopábanse os seus fillos, a escritora Susana Fortes e o xornalista de Televisión Española, Xabier Fortes, acompañados polo director do Museo, José Manuel Rey.

Entre o público atopábanse o deputado socialista na Deputación, Carlos Font; a concelleira de Cultura, Carmen Fouces; o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e o portavoz municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez.

'A rienda suelta' recolle os soños e as amizades infantís e xuvenís do historiador, nacido en Caroi, Cotobade, que foi coronel do exército e tamén profesor de Historia. Durante a súa longa traxectoria foi fundador da Unión Militar Democrática e foi condenado a catro anos de prisión e expulsado do exército debido á súa oposición á ditadura de Franco.

Xosé Fortes foi  amnistiado en 1987 e en 2009, a ministra de Defensa Carme Chacón concedíalle a Medalla ao Mérito Militar polo seu patriotismo e alta conciencia democrática. Ademais, Fortes foi tenente de alcalde na primeira corporación democrática pontevedresa; director do instituto A Xunqueira; subdirector da Universidade Internacional  Menéndez Pelayo e director da revista Vagalume, ademais de autor dunha ampla relación de libros de temática militar e histórica.