Novos Valores pecha inscricións con 38 obras aspirantes ás catro bolsas de estudos

Pontevedra
03 de maio 2021

O xurado fará unha selección de 25 obras, que son as que conformarán a exposición ao público a partir do mes de xullo no Museo de Pontevedra, momento no que se dará a coñecer o nome das catro persoas gañadoras das bolsas de estudos artísticos por un importe de 7.5000 euros cada unha

Apertura da mostra "Novos Valores 2020" Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de recibir 38 obras para participar no certame de Novos Valores 2021, unha cifra que iguala á da edición anterior, cando se introduciron dous cambios na convocatoria: que as persoas aspirantes non tivesen máis de 35 anos e un novo sistema de selección das pezas gañadoras.

Unha vez pechado o prazo da inscrición e validadas todas as persoas aspirantes, o vindeiro día 10 comezará a entrega da documentación técnica, que se prolongará ata o 23 de maio. Entón as persoas aspirantes deberán entregar a memoria da peza e a tipoloxía coa que concursan, cinco fotos da obra, o dossier con traballos previos para avalar a traxectoria artística, e unha explicación do destino que darán á bolsa de Novos Valores no caso de gañala.

O xurado está formado polo vicepresidente e o secretario da Deputación, o director do Museo e cinco persoas de recoñecida traxectoria profesional. Todos eles deberán elixir as 25 propostas que consideren máis salientables.

Xa na terceira fase, do 14 ao 18 de xuño, procederase á entrega das obras e montarase a exposición no Museo. Será entón, previamente á inauguración, cando o xurado se reunirá unha vez máis e concederá as catro bolsas gañadoras. A continuación, a mostra abrirase ao público entre o 8 de xullo e o 12 de setembro.

As catro bolsas gañadoras terán un importe de 7.500 euros cada unha e estarán destinadas a ampliar os estudos artísticos das persoas autoras, permitíndolles realizar novos proxectos.