Novos Valores anuncia os gañadores da edición 2021

Pontevedra
02 de xullo 2021

Rebeca López Villar, coa peza ‘Sen Título (Sobre paseos e arrepentimentos)’, Adrián Solleiro con ‘Reflexión’, Diego del Río con ‘Ras Al Hanout II’ e Daniel Cerecedo con ‘Picasso y Richter (después de)’, foron as persoas merecedoras das bolsas do certame Novos Valores na súa edición de 2021 do Museo de Pontevedra

Xurado do Certame Novos Valores 2021 no Museo de Pontevedra Rafa Estévez / Museo de Pontevedra

Rebeca López Villar, coa peza ‘Sen Título (Sobre paseos e arrepentimentos)’, Adrián Solleiro con ‘Reflexión’, Diego del Río con ‘Ras Al Hanout II’ e Daniel Cerecedo con ‘Picasso y Richter (después de)’, foron as persoas merecedoras das bolsas do certame Novos Valores na súa edición de 2021 do Museo de Pontevedra.

As tres creacións pictóricas e a escultórica foron elixidas por unanimidade polo xurado grazas á súa calidade, presentando "cargas conceptuais e reflexións importantes, ademais de ser variadas na súa temática", segundo explicou o director do Museo, Xose Manuel Rey

As catro obras formarán parte da exposición que terá lugar entre o vindeiro xoves 8 de xullo e o 12 de setembro no Edificio Sarmiento do Museo xunto a outras dez pezas elixidas como as mellores das 29 presentadas.

A pintura ‘Sen título (sobre paseos e arrepentimentos)’ de Rebeca López Villar (Vigo) reflexiona sobre a paisaxe e os conceptos de arrepentimento e paseo, así como a idea do proceso artístico. O marco teórico da peza queda plasmado coas definicións recollidas na instalación pictórica e garda relación coas investigacións de memoria histórica que realiza a autora.

En canto ao destino da bolsa de 7.500 euros concedida polo Museo, a súa intención é continuar a formación artística vencellada coa xestión e a redacción cultural a través da realización dalgún mestrado.

A escultura ‘Reflexión’ de Adrián Solleiro González (Tui) é unha peza figurativa modelada cuxa imaxe xoga cun espello, na propia obra e en relación ao espectador.

Os 7.500 euros da bolsa serviranlle a este creador para continuar co proxecto iniciado coa obra gañadora, e tamén para formarse grazas a cursos sobre anatomía aplicada á escultura, pintura con aerógrafo, procesos técnicos da escultura ou incluso sobre electrónica e robótica para incorporar ás súas pezas.

Diego del Río Comesaña (Ferrol) conseguiu a bolsa de Novos Valores grazas á obra ‘Ras al Habout II’. Trátase dunha serie de 21 cadros de 50x25 de pintura ao óleo sobre soporte de aluminio. O autor busca con ela indagar na experiencia da viaxe do artista "como acto de resistencia ante o novo individualismo".

En canto á bolsa, destinaraa a realizar máis viaxes como experiencia artística, unha estancia de investigación na Academia di Belle Arti di Brera (Milán), unha residencia artística no Shangyuan Art Museum de Pekin e unha na Residencia Corazón de Bos Aires.

Finalmente, Daniel Cerecedo Bretal (A Pobra do Caramiñal) conseguiu unha bolsa grazas á obra ‘Picasso y Richter (después de)’. A súa orixe está no relato da competición artística contada por Plinio o Vello na que se enfrontaban Zuxis de Heraclea e Parrasio de Éfeso co propósito de determinar cal era o mellor pintor do momento. Cerecedo propón simular unha nova competición na que se propón o reto de realizar obras baseadas en Picasso e Richter.

O destino da súa bolsa será realizar un curso de pintura con Jaime Valero e formalizar a matrícula no programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, así como custear os gastos derivados destes estudos.