Novos nombres para o Atlantic Fest: Joe Crepúsculo, Rosalía & Raül Refree e Os Amigos dos Músicos

O Salnés
21 de febreiro 2017

O Atlantic Fest segue desvelando o nome das bandas e artistas que actuarán na nova edición do festival, que se celebrará do 30 de xuño ao 2 de xullo na Illa de Arousa. Tras a confirmación de The Temper Trap e Los Planetas, a organización engadiu ao cartel a Joe Crepúsculo, Rosalía & Raül Refree e Os Amigos dos Músicos

Os Amigos dos Músicos Atlantic Fest

O Atlantic Fest segue desvelando o nome das bandas e artistas que actuarán na nova edición do festival, que se celebrará do 30 de xuño ao 2 de xullo na Illa de Arousa. Tras a confirmación de The Temper Trap e Los Planetas, a organización engadiu ao cartel a Joe Crepúsculo, Rosalía & Raül Refree e Os Amigos dos Músicos.

Disco Duro é o nome do oitavo disco de Joe Crepúsculo, que acaba de ver a luz e será presentado o próximo 1 de xullo no escenario Son Estrella Galicia do Atlantic Fest. Nel, toman o poder os sintetizadores analóxicos, os órganos e os ecos de cinta, pero tamén sons máis modernos.

O disco consta de 12 pezas que forman un todo no que as cancións están encadeadas de maneira musical e conceptual, tratando as temáticas máis arraigadas na loita do ser humano consigo mesmo e as inxustizas que nos tocou vivir, así como o paso do tempo, o facerse maior dentro dunha sociedade e a nosa relación cos animais.

Os Amigos dos Músicos, pola súa banda, acaban de publicar o seu primeiro disco, un conxunto de cancións nas que xuntan o propio co alleo para dar forma a un discurso fragmentado, no que as distintas voces vanse sucedendo, pero no que pouco vai emerxendo a coherencia do horizonte. 

A banda, que sempre buscou referentes na canción popular galega, establece con este álbum un compás para dirixirse nesta travesía. As coordenadas que, de maneira simbólica pero tamén obxectiva, marcan Curros Enríquez, Suso Vaamonde, Manuel María e Luís Emilio Batallán son a áncora que permite pararse e levantar a vista, pero só para proseguir a viaxe.

Con tan só un disco, Os Amigos dos Músicos fixéronse xa cun oco na escena galega, xiraron con gran éxito por todo o territorio nacional e serán os encargados de abrir o escenario Turismo Rías Baixas, situado no Auditorio da Illa, o día 30 de xuño. 

Ese mesmo día, 30 de xuño, Rosalía e Raül Refree actuarán no escenario Turismo Rías Baixas presentando Los Ángeles, un disco que vai ser toda unha revolución musical onde flamenco e experimentación danse a man. Ninguén quedará indiferente ante o carisma destes dous grandes artistas subidos xuntos nun escenario.

Rosalía é unha das voces máis prometedoras e persoais do flamenco actual. Coñecedora da tradición e gran estudiosa do cante pero cunha actitude contemporánea, a súa voz emociona a todo o que a escoita. E Raül Refree é un dos nomes de referencia da produción. O seu nome figura xa nalgúns dos proxectos máis relevantes dos últimos anos, traballando con artistas como Silvia Pérez Cruz, La Mala Rodriguez ou Kiko Veneno. 

O abono dos tres días do festival, con dereito a acampada incluída, custa 43 euros ata o próximo 19 de marzo ou ata que se esgoten as entradas.