Novos Cinemas regresa cunha forte aposta polo risco e a formación

Pontevedra
03 de decembro 2024
Actualizado: 04 de decembro

Este martes presentábase na Facultade de Ciencias da Comunicación do campus a nova edición do Festival internacional de Cine de Pontevedra, que se celebrará entre o martes 10 e o domingo 15 de decembro

Presentación de Novos Cinemas DUVI - Universidade de Vigo

O Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas presentou este martes na Facultade de Comunicación do campus pontevedrés a súa novena edición, que se celebrará do 10 ao 15 de decembro baixo o lema "defender aos que arriscan".

O certame exhibirá no Teatro Principal 39 longametraxes, das que nove serán estreas mundiais.

"Queremos axudar a visibilizar o talento emerxente e facer comunidade. Hai unha forte conexión con Portugal e Latinoamérica", explicou Suso Novás, director artístico do festival, quen destacou a aposta por unha programación diversa que asume riscos.

Esta filosofía reflíctese na imaxe desta edición, inspirada nos skaters e surfistas, "xente engaiolada co movemento e a cinética, que asume riscos, como define ao cine emerxente e á cultura".

A gran novidade deste ano é a incorporación da sección competitiva Ceres, que se suma ás xa existentes Oficial e Latexos.

Esta nova categoría está dedicada a visibilizar o traballo dos centros de formación audiovisual de España e Portugal, incluíndo obras como "Gralla", realizada por estudantes da Facultade de Comunicación do campus pontevedrés.

O festival inaugurará a súa programación o 10 de decembro coa proxección de "La Parra", do director ferrolán e exalumno do campus Alberto Gracia, filme galardoado recentemente na Seminci.

A clausura correrá a cargo da cineasta ourensá Paula Veleiro con "Sepáraste moito", un proxecto desenvolvido no propio laboratorio do festival.

Durante a presentación, que contou coa intervención de representantes de todas as institucións colaboradoras, destacouse o carácter formativo do certame e a súa consolidación no circuíto de festivais audiovisuais.

Acto de presentación do Festival Novos CinemasDUVI - Universidade de Vigo

Eva María Lantarón, vicerreitora do Campus de Pontevedra, subliñou a importancia da colaboración entre a universidade e o festival, mentres que Jacobo Sutil, director da Agadic, puxo en valor "a especialización do festival en primeiros e segundos filmes de cineastas, a ollada cara a formación cos laboratorios de desenvolvemento e a internacionalización do festival". Ao acto tamén asistía Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura.

As entradas e abonos xa están dispoñibles na web www.novoscinemas.com.