Novos Cinemas inicia a novena edición cargado de propostas cinematográficas creativas

Pontevedra
11 de decembro 2024

O Festival Internacional de Cine de Pontevedra comezou coa estrea de 'La Parra', de Alberto Gracia. A formación e o cinema emerxente centran esta cita cultural que se vai desenvolver ata o domingo 15

Inauguración de Novos Cinemas Amador Lorenzo

O Teatro Principal de Pontevedra converteuse este martes 10 de decembro no epicentro do cinema emerxente coa inauguración da novena edición doFestival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas nun acto que encheu o histórico recinto e que estivo conducido con mestría pola presentadora María Yáñez.

Ao acto asistía o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e Jacobo Sutil, director de AGADIC.

Daniel Froiz, director executivo do festival, subliñou durante a súa intervención o papel fundamental do certame como ponte entre creadores e público. "É vital xerar espazos onde o público poida conectar directamente cos cineastas, onde se produza ese diálogo necesario para o crecemento do cinema", explicou Froiz ante unha sala repleta.

Pola súa banda, Suso Novás, director artístico do festival, fixo fincapé nas sólidas relacións que o certame mantén co cinema portugués e iberoamericano, unha conexión que se reflicte na programación deste ano con numerosas producións destas procedencias.

O momento máis agardado da noite chegou coa proxección de 'La Parra', a terceira longametraxe do director ferrolán Alberto Gracia.

O cineasta, que estivo acompañado pola produtora Beli Martínez e o actor Alfonso Míguez, presentou unha obra que xa ten colleitado importantes recoñecementos en festivais de prestixio como a Seminci.

A novena edición do Novos Cinemas presenta uns números que confirman a súa consolidación no panorama cinematográfico: 39 obras audiovisuais en total, 9 estreas mundiais, 2 estreas internacionais, 10 estreas en España e 12 estreas en Galicia

As proxeccións distribúense en tres seccións principais:

  1. Sección Oficial: con nove longametraxes

  2. Sección Latexos: que acolle catro filmes

  3. Sección CERES: nova incorporación que presenta catro propostas innovadoras

O festival reafirma a súa vocación internacional con producións procedentes de diversos países, incluíndo España, Portugal, Venezuela, Canadá, Arxentina, Francia, Suecia, Chile e Honduras, entre outros.

Esta cita mantén o seu compromiso coa formación e o desenvolvemento de novos talentos a través de obradoiros e actividades paralelas, consolidándose como unha plataforma fundamental para o impulso do cinema emerxente en Galicia e a súa proxección internacional.

Photocall en Novos Cinemas 2024Amador Lorenzo

A gala inaugural, que contou con personalidades do sector audiovisual, marca o inicio dunha semana intensa de proxeccións, coloquios e actividades que se desenvolverán ata o domingo en diferentes espazos da cidade de Pontevedra, convertendo unha vez máis á cidade do Lérez nun referente do cinema independente e as novas narrativas audiovisuais.

O festival continuará nos próximos días cun programa que combina a exhibición das obras seleccionadas cos encontros entre creadores e público,

Entre as propostas máis esperadas dos próximos días están as proxeccións de obras como 'Las Galaxias', de Guillermina Pico, unha película nacida no #LAB de 2017, que vive a súa estrea internacional en Novos Cinemas; 'Una sombra oscilante', de Celeste Rojas Mugica, unha obra que dialoga co arquivo fotográfico persoal da directora; e 'Eastern Anthems', un ensaio epistolar de Jean-Jacques Martinod sobre a pandemia, que contará cun coloquio co público.

Novena edición de Novos CinemasAmador Lorenzo