Novos Cinemas inicia a súa quinta edición coa 'Lúa vermella'

Pontevedra
15 de decembro 2020

No acto inaugural que se desenvolveu no Teatro Principal de Pontevedra interviron tanto Dani Froiz como Suso Novás, directores do Festival, como as autoridades encabezadas por Carmela Silva, presidenta da Deputación, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; que deron paso a Lois Patiño, director da película inaugural 'Lúa vermella'  

Inauguración de Novos Cinemas 05 Mónica Patxot

Comezou a quinta edición xa de Novos Cinemas, o Festival de Cine Internacional de Pontevedra. Coma sempre, o photocall das persoas invitadas no Teatro Principal deu inicio a un acto con intervencións da dirección do festival e das autoridades asistentes.

Daniel Froiz e Suso Novás, responsables deste evento cinematográfico que durará ata o domingo 20, foron os encargados de explicar as novidades desta edición marcada pola pandemia. Tras eles, interviron Manuel Morquecho, director da Área de Extensión Cultural do campus de Pontevedra; Jacobo Sutil, director da Agadic; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra e, por último, Lois Patiño, director de 'Lúa Vermella', a película que inaugura o festival este ano.

Tras o visionado, Patiño mantivo un encontro cos asistentes para comentar os detalles da súa obra. 

Durante este mércores, Novos Cinemas 05 ofrecerá unha proxección para estudantes de bacharelato de Pontevedra do filme 'Dorothé na Vila', coa presenza dos seus directores Olaia Tubío e Alejandro Gándar. Tamén durante este día 16 poderá verse a estrea española de 'Fortezza', de Ludovica Andò e Emiliano Aiello, dentro da Sección Oficial.

As entradas para asistir ás proxeccións de pago poden adquirirse a través de ataquilla.com ou no despacho de billetes do Teatro Principal de Pontevedra a partir de dúas horas antes do inicio de cada unha das sesións, tamén con peche de despacho de billetes unha hora antes do comezo do acto, por cuestións de protocolo sanitario.

A organización lembra que as películas da Sección Oficial, Sección Latexos e a selección 'Pasaron por Novos Cinemas' poden verse a través da versión online que o Festival ten aberta na plataforma Filmin.

PROGRAMACIÓN DO MÉRCORES 16

09:30 | Teatro Principal

+NOVOS | Proxección: DOROTHÉ NA VILA, de Olaia Tubío e Alejandro Gándara | Sesión para institutos | Coa presenza dos cineastas

12:30 | Teatro Principal

LATEXOS | Proxección: MAMÁ, MAMÁ, MAMÁ, de Sol Berruezo Pichón-Rivière 

15.30 | Teatro Principal

SECCIÓN OFICIAL | THE TROUBLE WITH NATURA, de Illum Jacobi | Estrea en Galicia

18.00 | Teatro Principal

SECCIÓN OFICIAL | IL N'Y AURA PLUS DE NUIT, de Eléanore Weber| Estrea en Galicia

21.00 | Teatro Principal

SECCIÓN OFICIAL | FORTEZZA, de Ludovica Andò e Emiliano Aiello | Estrea en España