Novos Cinemas 2021 abrirá coa estrea en Galicia de ‘A Virxe Roxa’ de Marcos Nine

Pontevedra
13 de novembro 2021

Esta nova edición do festival aposta por dúas propostas de apertura e peche á marxe de modas e correntes e guiadas pola radicalidade estética. Ademais da apertura a cargo de Marcos Nine, o peche será de Chema García Ibarra

Fotograma de 'A Virxe Roxa' Novos Cinemas

A sexta edición do festival Novos Cinemas, que se celebrará entre o 14 e o 19 de decembro de Pontevedra, terá unha apertura moi agardada. Servirá para estrear en Galicia o novo traballo de Marcos Nine, A Virxe Roxa (Recrea Films).

Esta nova edición do festival aposta por dúas propostas de apertura e peche á marxe de modas e correntes e guiadas pola radicalidade estética. Ademais da apertura a cargo de Marcos Nine, o peche será de Chema García Ibarra.

Así, Espíritu Sagrado (Apellaniz y de Sosa, Jaibo Films, La Fabrica Nocturna Cinéma, Teferruat Film), clausurará a sexta edición, un esperado debut na longametraxe no que se retrata unha España de barrio que colma as súas ansias de fe no sobrenatural.

A apertura e o peche estarán acompañados pola presenza dos cineastas para conversar co público asistente ao festival.

Nerea Barros, María Vázquez e Antonio Durán “Morris” son os encargados de poñer as voces no documental de creación A Virxe Roxa, de Marcos Nine, que poderá verse en exclusiva en Galicia abrindo Novos Cinemas o 14 de decembro despois da súa estrea na Seminci.

Nel nárrase a historia de Aurora Rodríguez, que en 1933 mata a tiros á súa propia filla Hildegart, mentres esta durmía. A moza, con só dezaoito anos, era unha das feministas máis destacadas da Segunda República Española. Pero tamén era un produto perfectamente calculado e deseñado pola súa nai, que a criou e educou para que fose a libertadora da muller. Os plans de Aurora non saíron como estaba previsto.

Por outra banda, Novos Cinemas e a ECAM suman forzas para desenvolver o obradoiro “Os entes”, impartido por Chema García Ibarra e Leo Díaz, que traballa con el nos seus proxectos dende a dirección de arte. A formación terá lugar o xoves 16 e o venres 17 de decembro na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e contará con 10 prazas con descontos para o estudantado na inscrición, que está aberta dende este venres en novoscinemas.com.