Nova edición de Musigal cun catálogo que reúne ao redor de 150 artistas

Pontevedra
27 de decembro 2023

Os municipios terán de prazo entre o 9 e o 25 de xaneiro para solicitar as actuacións de solistas e grupos

Musigal na Onda 2019 Mónica Patxot

O Goberno da Deputación vén de aprobar as bases do programa Musigal 2023, a iniciativa provincial que apoia a programación artística dos concellos de menos de 50.000 habitantes ao longo do ano, poñendo a súa disposición grupos e artistas profesionais da música que realizan as súas actuacións e concertos en lingua galega ou, no caso de instrumentais, con pezas de autoría galega.

A institución destina a esta iniciativa, coa que neste ano se programaron 57 actuacións noutros tantos concellos da provincia, un orzamento de medio millón de euros.

O programa busca facilitar aos concellos a programación e celebración destes concertos, que son gratuítos para o público. A partir do 9 de xaneiro e ata o 25 dese mes (ambos incluídos), os municipios poderán solicitar de xeito telemático na sede electrónica da Deputación as actuacións para o 2023 de artistas inscritos no Catálogo Musigal, que reúne ao redor de 150 solistas e grupos de distintos xéneros musicais.

Segundo as bases, que este martes 27 foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia, os concellos poderán sinalar ata un máximo de dúas propostas por orde de preferencia, facendo constar o nome do grupo ou artista, a data e o lugar fixados para levar a cabo a actuación.

Concederáselles unha única actuación que se desenvolverá ata o 31 de decembro de 2023.

Por outra banda, segundo as bases, o número máximo de actuacións que poderá realizar cada grupo será de tres.

A Deputación encargarase de aboar o caché do espectáculo do grupo ou artista, o concello e a produción da actuación.