Non só os nenos poden cociñar contos: quedan prazas para os obradoiros de adultos

Pontevedra
24 de marzo 2014

A organización do XV Salón do Libro infantil e Xuvenil de Pontevedra lembra que dous dos tres obradoiros para adultos programados dispoñen de prazas libres e as persoas interesadas teñen de marxe ata o venres 28 de marzo para inscribirse. Trátase das actividades 'Facendo o conto máis doce' e 'Comer san=medrar san'

Obradoiro de decoración de galletas con 'Megatoxos' de Anxo Fariña no Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2014
Obradoiro de decoración de galletas con 'Megatoxos' de Anxo Fariña no Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2014

O XV Salón do Libro infantil e Xuvenil de Pontevedra cubriu a súa primeira semana de actividade con grande éxito nas súas propostas de 'cociñar contos' para os nenos. Pero non só os máis pequenos da casa son os protagonistas da programación, que tamén está pensada para achegar ao mundo da gastronomía e da lectura aos adultos.

Ao respecto, dende a organización lembran que dous dos tres obradoiros para adultos programados dentro do Salón dispoñen de prazas libres e as persoas interesadas teñen de marxe ata o venres 28 de marzo para inscribirse. Trátase das actividades 'Facendo o conto máis doce' e 'Comer san=medrar san'.

Os obradoiros desenvolveranse entre o luns 31 de marzo e o venres 4 de abril de 18.30 a 20.30 horas nas instalaciós do Pazo da Cultura de Pontevedra. O terceiro obradoiro programado, 'POP-UP', cubriu xa a totalidade das prazas ofertadas.

'Facendo o conto máis doce' é un obradoiro de repostería creativa,  impartido polo artista plástico e reposteiro Daniel Diéguez, coñecido por ter participado no programa de televisión 'Deja sitio para el postre'. Está divido en cinco sesións onde se dará forma a escenografías completas de contos con doces: Ilustrando galletas, Flores de azucre, Conto nunha galleta, Decoracións con chocolate, e Cupcakes veganos de cenoria sen gluten.

'Comer san=medrar san' é un obradoiro sobre a teoría e práctica dunha boa dieta saudable e a prevención da obesidade infantil. Da parte teórica encargarase o farmacéutico especialista en Educación para a Saúde N. Floro Andrés Rodríguez, que tratará da alimentación equilibrada como base unha dieta sá e de como remediar o problema da obesidade infantil.

Da parte práctica do obradoiro encargarase a cociñeira pontevedresa Elena Argüello, cunha ampla experiencia do sector da restauración e da divulgación gastronómica, que recentemente ven de publicar un libro con 500 receitas.

Para formalizar a inscrición é preciso entrar na web do Salón do Libro, acceder ao apartado "Obradoiros", descargar e cubrir a folla de inscrición, e remitirla ao correo electrónico do Salón (salondolibro@salondolibro.org).