Non hai verán sen PortAmérica

Umia
02 de xullo 2024

Xa está aquí o festival PortAmérica. Unhas dezasete mil persoas reuniranse cada día, segundo a organización, na duodécima edición dun evento musical e gastronómico que, coa Azucreira de Portas como escenario, será unha ponte de unión entre ambas as beiras do Atlántico

Presentación do festival PortAmérica 2024 Xunta de Galicia

Xa está aquí o festival PortAmérica. Unhas dezasete mil persoas reuniranse cada día, segundo a organización, na duodécima edición dun evento musical e gastronómico que, coa Azucreira de Portas como escenario, será unha ponte de unión entre ambas as beiras do Atlántico.

Con todas entradas vendidas, unha ocupación hostaleira do 100% na comarca e as entradas para a zona de acampada practicamente esgotadas, todo está a punto xa para o inicio dun festival que se desenvolverá durante tres días, a partir deste xoves 4 de xullo.

A organización estima que PortAmérica 2024 xerará 350 empregos directos e máis de 700 indirectos. O gasto medio por visitante, segundo as previsións, roldará os 500 euros.

Durante a presentación do festival, que se celebrou este martes no seu icónico recinto, descubriuse a nova disposición de dous escenarios de concertos, patrocinados por Xacobeo e Turismo Rías Baixas, e do lugar que ocupará a proposta gastronómica, o ShowRocking.

Ademais, haberá novas propostas no recinto, entre eles a bancada infantil, ou un terceiro escenario musical "Turismo Rías Baixas La Duendeneta", onde o público poderá gozar de varias sesións de DJ durante os tres días do festival.

Vetusta Morla, Xoel López, Carlos Sadness, Toquinho, Standstill, Guadi Galego, Babasonicos, Galician Army, Mondra e Los Acebos serán os encargados de actuar na primeira xornada do próximo PortAmérica, o xoves 4 de xullo.

Ao día seguinte, o venres 5, farán o propio Aitana, LIT Killah, Luz Casal, Shinova, León Benavente, Caloncho, The Rapants, Marilia Monzón, Besmaya, Sarria e Adrian Timms.

A terceira e última xornada do PortAmérica 2024, o sábado 6, estará protagonizada, entre outros, por Juanes, Arde Bogotá, El Drogas, Ilegales, Rodrigo Cuevas, El Columpio Asesino, Burning, Sonido Gallo Negro e Mamasunción.

Con respecto ao ShowRocking, máis de 30 chefs de renome como Javier Olleros, Diego Guerrero, Begoña Rodrigo, Fabián Delgado, Édgar Núñez, Luis Lera, Edorta Lamo, Maca de Castro ou Dani Carnero, baixo a dirección de Pepe Solla, ofrecerán unha degustación de máis de 20,000 petiscos a prezos populares creados especificamente para o evento.

lista de petiscos seleccionados por cada chef inclúe máis de 60 opcións, tanto salgadas como doces, presentadas durante os tres días do festival en seis quendas diferentes, facendo do ShowRocking a maior cociña efémera do mundo.

O festival habilitou tamén unha zona de lactación privada e unha ludoteca infantil, ofrecerá mochilas vibratorias e petacas FM para persoas xordas con implantes cocleares ou audiófonos e organizará un mercado de talentos con 25 artesáns e deseñadores locais.

En colaboración coa Xunta de Galicia, persoal especializado estará á fronte tanto dun Punto Arcoiris como dun Punto Violeta para previr e controlar agresións machistas ou dirixidas a persoas do colectivo LGTBIQ+. 

PortAmérica reforzará ademais o seu compromiso coa sustentabilidade ambiental ofrecendo, entre outras iniciativas, talleres lúdico-culturais, experimentos sonoros, roteiros para coñecer flora ou actividades artísticas sobre a reciclaxe.