Nieve de Medina recibirá un premio de honra no FICBueu

Bueu
13 de setembro 2017

A actriz participará o sábado na gravación do programa que emite PontevedraViva Radio "Carne cruda" canda o director e actores da serie "Fariña"

Público asistente ao FicBueu FicBueu

Máis rostros coñecidos se deixarán ver polo Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu coincidindo coa xornada de peche, que terá lugar o vindeiro sábado, 16 de setembro.

A actriz Nieve de Medina achegarase ata a vila para recibir un premio de honor, establecido polo FICBUEU a partir desta décima edición para recoñecer a traxectoria dun profesional de prestixio no eido cinematográfico, ao igual que o Premio Cine Galego que este ano recaeu sobre o actor Antonio Durán "Morris".

Os organizadores do FICBueu xustificaron que "Nieve de Medina conta cun amplo percorrido en cine, televisión e teatro, alén de ter participado en diversas curtas. No entanto, a súa popularidade non está ao nivel do seu talento, de aí que fora elixida para recibir esta homenaxe, xa que se trata dunha das grandes actrices do cine español cuxa enorme versatilidade -tamén realizou danza e dobraxe- nos deixou excelentes interpretacións.

Na súa filmografía destacan películas como El bola, Un franco 14 pesetas ou Los lunes al sol, pola que foi candidata ao Goya a mellor actriz revelación. Na pequena pantalla ten participado en series como Cuéntame, Bajo sospecha ou El ministerio del tiempo, mentres que sobre as táboas estreou este ano o monólogo Modelos animales.

A merecedora deste premio de honra será entrevistada por Javier Gallego no programa "Carne cruda" que o mesmo sábado se realizará a partir das 19.45 horas desde os exteriores do Centro Social do Mar.

No espazo radiofónico, que emite PontevedraViva Radio, se analizará ademais a presente edición do FICBUEU, intervirá asemade Carlos Sedes, director de Fariña, serie baseada no exitoso libro homónimo de Nacho Carretero sobre o narcotráfico en Galicia. Varios dos protagonistas foron tamén convidados a participar, dos que xa confirmou a súa presenza ‘Morris’, actor que interpreta a Manuel Charlín. Moon Cresta porá a música en directo.

Ademais, cineastas galegos estarán xa pola mañá na vila para participar no Vermú con CREA, organizado por esta asociación de directores e realizadores de Galicia. Ás 13.15 horas atoparanse no punto de encontro para intercambiar impresións cos convidados internacionais presentes no festival, unha conversa na que tamén poden tomar parte os espectadores.

Os directores estranxeiros realizarán o xoves unha ruta de sendeirismo por Cabo Udra e o venres viaxarán á illa de Ons, mentres que o sábado navegarán a bordo das embarcacións tradicionais da asociación Os Galos, tres experiencias auspiciadas por Turismo de Galicia. Ese día tamén acudirán ao encontro gastronómico que se desenvolverá na praza de abastos, un show cooking ideado por Galicia Calidade.

Doutra banda, máis de 1.000 rapaces acudiron entre o martes e o mércores pola mañá ás proxeccións para centros de ensino, nas que se pasaron as curtametraxes das seccións infantil e xuvenil.