Nee Barros gaña o V Premio María Victoria Moreno convocado polo Concello de Pontevedra e Cuarto de Inverno

Pontevedra
27 de novembro 2022

A obra 'Nom estamos quebrades' en lenguaxe non binaria representa á diversidade, a empatía na descrición da amizade e os conflitos e as dúbidas que xorden ao relacionármonos en sociedade. Ademais dunha dotación económica de 3.000 euros a obra será editada e publicada en lingua galega cara o mes de abril da man da citada editorial

Nee Barros gaña o V Premio María Victoria Moreno

Este domingo no Espazo Libro da Culturgal a editora de Cuarto de Inverno Andrea Jamardo deu a coñecer o nome do gañador do V Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil: Nee Barros, estudante, escritor e youtuber.

Andrea Jamardo estivo acompañada neste acto de Luz Gallego, membro do xurado e tamén do concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra Alberto Oubiña que acudiu hoxe ao fallo do Premio Maria Victoria Moreno en substitución da concelleira Carme Fouces.

O premio promovido polo Concello que naceu hai 5 anos cando María Victoria Moreno foi a autora homenaxeada nas Letras Galegas "eleva a literatura infantil e xuvenil á categoría que merece. Esa literatura que María Victoria facía tódolos días e que as veces, non é tan recoñecida", apuntaba Oubiña antes de ceder a palabra a Andrea Jamardo.

Pola súa banda a editora de Cuarto de Inverno quixo "agradecer ás case 30 persoas que presentaron os seus orixinais a esta edición, ao Concello de Pontevedra e á familia de María Victoria".

Tal e como recolle o acta, o xurado considerou como gañadora por maioría dos votos a obra que se presentou baixo o lema 'Nom estamos quebrades' que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Nee Barros Fernández e con título definitivo 'Nom estamos quebrades'. O xurado estivo composto por Luz Gallego, en representación do Concello de Pontevedra, Andrea Barreira Freije, en representación da familia de María Victoria Moreno, Andrea Jamardo Seijo, en representación de Cuarto de Inverno e David Cortizo Conde, de Cuarto de Inverno, que actuou como secretario.

Da obra gañadora, escrita en linguaxe non binaria, o xurado valorou a representación das diferentes diversidades desde distintos prismas, a empatía na descrición da amizade e os conflitos e dúbidas que xorden ao relacionármonos en sociedade, as referencias ao panorama literario e musical galego actual e a introdución de temas con pouca presenza na literatura galega.

Tal e como destacou Luz Gallego na súa intervención "temos unha nova promesa para a literatura galega. 'Identidade' foi o seu primeiro título o ano pasado, moi ben acollido pola movidade da que Nee forma parte e tamén por lectores menos afeitos. Con 'Nom estamos quebrade's pon o seu nome na literatura con forza".

A obra gañadora é unha historia que pivota entre dúas personaxes centrais: Eva, unha rapaza que non atopa o seu lugar no mundo na procura da súa identidade sexual e o seu amigo e cómplice Edu, que supón sempre unha axuda imprescindible e o seu pequeño fogar. Luz Gallego sinalou que "ten un ritmo narrativo equilibrado que destila honestidade na parella protagonista, numerosas citas ao seu universo musical onde atopamos a Mercedes Peón, Tanxugueiras, Ataque Escampe, Baiuca pero tamén referencias a firmas literarias como Lorena Conde, Eli Ríos, Eva Mejuto, Xela Arias e á obra Anagnórise, a obra máis traducida de María Victoria".

A escritora e xurado Andrea Barreira quixo facer chegar unhas palabras á Nee a través de Andrea Jamardo: "parabéns pola valentía en cada unha das escollas deste libro, a nivel lingüístico, a nivel personaxes, a nivel referentes".

Antes de ser agasallado cunha peza cerámica do 'Cabaliño do Demo' coa frase de María Victoria Moreno "eu non sei por que chora meu doce amigo, se teño a luz acesa e vés comigo" Nee quixo agradecer "todas as cousas lindísimas que acaban de dicir. Gañar este premio é algo que non podo describir con palabras. Teño 19 anos e hai tan só 3 anos era imposible de imaxinar. Ten un valor moir especial para min por diferentes motivos: entre o xurado hai persoas que admiro, publicar con Cuarto de Inverno e como non, pola vinculación co Salón do Libro onde eu medrei". 

Rematou salientando o importante de que se premie este libro "porque fala do mundo para as persoas que estamos nas marxes, ten unha protagonista autista, visibiliza ás persoas que son cuestionadas pola súa sexualidade, ás racializadas, etc. Porque eu vexo diversidade no meu entorno pero na literatura non adoira verse reflexada"

A obra premiada 'Nom estamos quebrades' que segundo avanzou a editorial verá a luz cara o mes de abril, foi precedida por 'O bestiaro científico de Anxos Nogueirosa', de Antonio Manuel Fraga; 'Ardora', de Beatriz Maceda; 'Velloucas e minchas', de Lorena Conde e 'O segredo de Al'eume', de Pilar Ortega, gañadoras en anteriores edicións.

 

Arquivado en