Nargual Review: manual para facer críticas de cine diferentes

Pontevedra
30 de marzo 2022

O que comezou hai sete anos cunha crítica da película Mi amigo Mac (1988) convertiuse nunha webserie na que participan un grupo de estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Fotograma dun episodio de 'Nargual Review' Nico Nargual

O que comezou hai sete anos cunha crítica da película Mi amigo Mac (1988) convertiuse nunha webserie na que participan un grupo de estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Falamos de Nargual Review, unha peza audiovisual cuxos últimos episodios estréanse a partir do venres 1 de abril.

A trama acompaña ao polifacético Nico Nargual, director, actor e guionista da serie, na busca "de las peores películas de la historia", das cales logo realizará unha valoración xunto ás súas amizades. Entre os personaxes atópanse os seus propios compañeiros de clase, que tamén traballan como equipo técnico: Martín Arufe, Ismael Roales, Nico Juncal, Pedro Mouriño e mesmo un peluche locuaz chamado Eugenio

A listaxe de material analizado son obras pouco coñecidas para o público xeral. Algúns títulos son El hijo de Godzilla (1967), I am here… now (2009) ou Kill Switch (2008), todos eles con algún trazo peculiar que se comenta durante as opinións en cada capítulo.

Nargual, que tamén dirixiu a curtametraxe seleccionada no Festival Internacional de Ourense Versos Post Mortem, afirma que un dos derradeiros episodios contará cunha cabeceira de anime realizada por el mesmo. 

O proxecto rematará na terceira temporada e pode verse completo na canle de YouTube do director. Así mesmo, presenta outros traballos xunto ao alumnado de Comunicación Audiovisual do campus de Pontevedra no perfil da produtora Ex Cathedra Productions.