Narf estará en todas as bocas da XIII edición de Cantos na Maré o 14 de xaneiro

Pontevedra
26 de decembro 2017

O Festival Internacional da Lusofonía será o sábado 14 de xaneiro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura con Paulo Flores, Maneca Costa, Kátya Teixeira, Celina da Piedade e Guadi Galego. As entradas xa se poden adquirir a través de Ataquilla cun prezo entre os 20 e os 28 euros

Presentación de Cantos na Maré 2017 Mónica Patxot

Fran Pérez, coñecido artísticamente como Narf, falecía neste 2016 deixando un oco no panorama musical galego onde foi fundamental nos seus traballos de conexión cos ritmos africanos e lusófonos. Por iso, a súa lembranza será a principal protagonista da edición XIII do Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré, que vai desenvolverse no Pazo da Cultura o vindeiro sábado 14 de xaneiro ás 21.00 horas.

Este luns 26 presentábase no Concello de Pontevedra o programa da edición deste ano, coa presenza do director do Agadic, Jacobo Sutil; o deputado de Cultura, Xosé Leal; a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro; a cantante e directora do Festival, Uxía Senlle e o director da empresa produtora Nordesía, Vitor Belho. 

O programa contempla as actuacións de Manecas Costa, Paulo Flores, Kátya Teixeira, Celina da Piedade e Guadi Galego, ademais dun artista especial que non se vai desvelar ata días antes do Festival. Uxía sinalou que con estes artistas van lembrar a Narf como a el lle gustaría, con moita alegría e coa música afrogalega por bandeira.

Deste xeito, o guineano Manecas Costa, irmán musical de Narf, será un dos principais atractivos do Festival xunto a Guadi Galego, a música galega presentará o seu recente álbum 'O mundo está parado'. esta artista conta cunha ampla traxectoria musical en diferentes agrupacións do país como Nordestinas, Espido e aCadaCanto.

Xunto a eles tamén estarán Kátya Teixeira, unha cantora brasileira, que ten posto en marcha varios proxectos culturais no Brasil como o Circuito de Música Dércio Marques; Paulo Flores contará as súas historias musicais amosando o seu profundo amor pola xente de Angola e a portuguesa Celina da Piedade, acompañada polo seu acordeón ofrecerá temas do canle alentexano. Ademais, o director musical Paulo Borges acompañará este encontro internacional coa súa banda.

Esta edición marca un fin de ciclo porque, o vindeiro ano, o Festival presentará un novo formato onde se pretende que haxa máis actividades e unha implicación coa cidadanía de Pontevedra, segundo explicou Vitor Belho.

As entradas para o Festivalxa están á venda en Ataquilla a prezos que van desde os 20 ata os 28 euros.