Tras un ano en que foi necesario suspender esta cita literaria, o venres 2 de xullo regresa a Festa dos Libros á praza da Ferrería coa participación de 14 librerías pontevedresas. Este martes, a concelleira Carme dá Silva presentaba esta edición e destacaba o traballo realizado por estes "axentes culturais que están en disposición de achegar os tesouros que teñen nos seus negocios".
Durante tres días, con horario matinal entre as 11.00 e as 14.00, e vespertino, entre as 18.00 e as 22.30 horas, máis de 70 escritoras e escritores de diferentes xéneros narrativos participarán na programación do evento. Entre as figuras máis representativas, A Ferrería acollerá á escritora española de orixe marroquí Najat el Hachmi, último premio Nadal coa súa novela 'El lunes nos querrán', que presentará este traballo ás 20.00 horas do venres acompañada polo xornalista Ramón Rozas. Tamén acudirán Inma López Silva, premio da Crítica 2020 e a xornalista Sara Vila, recentemente premiada co Illa Nova de narrativa.
Todos os días, a xornada iniciarase cunha actividade dirixida ao público infantil. O venres, a partir das 11.30 horas, a primeira sesión será a cargo da compañía Polo Correo do Vento. Carme da Silva explicaba que haberá actividades relacionadas coa ilustración, a poesía, novela negra, historia e numerosas temáticas ao longo das vinte propostas que se recollen no programa deste ano.
Ademais, tanto o sábado como o domingo, o peche correrá a cargo de actuacións musicais. O día 3, a cantante pontevedresa Cora Velasco ofrecerá un pequeno recital e o domingo será a quenda de Idioma de Tinta con Yolanda Castaño e Isaac Garabatos.
Entre as novidades realizarase unha sección dedicada a traxectorias destacadas. Nesta ocasión centrarase na editora, escritora e promotora de programas de divulgación literaria Eva Mejuto. Tamén se contempla outro novo apartado coa sección "De... A...", que ofrece unha perspectiva sobre como se chega desde outras profesións á literatura. Nesta edición centrarase no xornalismo coa participación este venres 2, ás 21.30 horas, de Ana Cabaleiro, Lara Dopazo e Sara Vila.
A Librería Paz, ofrecerá tamén unha iniciativa titulada Libros do trinque, para a que será necesario inscribirse previamente na que os autores con obras recentemente publicadas manterán encontros con grupos reducidos dun máximo de dez persoas.
Mercedes Corbillón, representante da Librería Cronopios, manifestaba que o confinamento do 2020 fixo que os lectores botasen de menos ás librerías e que estes últimos meses, a pesar de ser moi duros para os negocios pequenos, ofreceron a posibilidade dese reencontro cos clientes. "A vida nas librerías existe e ten futuro. É un negocio fermoso", afirmou Corbillón, que animou a todas as persoas a pasar por esta Festa dos Libros.