Sara Vila gaña o Premio Illa Nova de Narrativa coa súa primeira novela, "Oito días sen Eva Cortes"
Por Alejandro Espiño
A xornalista pontevedresa Sara Vila é a gañadora da quinta edición do Premio Illa Nova de Narrativa, convocado para autores e autoras menores de 35 anos. Logrouno coa súa primeira novela, que leva por título "Oito días sen Eva Cortes".
O xurado do premio, convocado pola Editorial Galaxia en colaboración co Ámbito Cultural de El Corte Inglés, elixiu este traballo por unanimidade e destacou a súa "prosa sólida" e o "magnífico control" do ritmo narrativo dende o inicio.
A autora, sinala o xurado composto por Diego Giráldez, Beatriz García Turnes, Lara Dopazo, Xosé Ricardo Losada, Selina Otero e Malores Villanueva, "é quen de construír personaxes poliédricos" nunha novela que combina tres voces narrativas.
En "Oito días sen Eva Cortes", no día da súa reincorporación tras as vacacións e no medio dunha vaga de calor, á xornalista Antía Ubeira encárganlle cubrir a desaparición dunha moza da súa cidade, Pontevella.
O que nun principio semella unha ausencia voluntaria froito dunha fin de semana de festa, comeza a prolongarse e a preocupar ao entorno da rapaza, Eva Cortes.
Antía Ubeira, malia a desidia e o escepticismo cara á utilidade da súa profesión, implícase cada vez máis no caso. Os descubrimentos arredor da vida de Eva farán reflexionar á xornalista sobre a súa propia felicidade, as súas expectativas, os seus desexos e a súas obsesións.
A novela repasa asuntos que atravesan a todas as mulleres, como o desexo (ou non) de ser nai, o poder sobre o propio corpo, a independencia económica, o pracer ou a liberdade. Pero tamén sobre o medo que produce a certeza de saber que calquera de nós podería ser a muller desaparecida que protagoniza horas de faladoiros televisivos e páxinas de xornais.
O xurado subliñou a solvencia narrativa da autora, a historia que "atrapa dende o primeiro capítulo" e o tratamento de moitos temas de plena actualidade dende o cuestionamento.
Ademais, mostra un "gran dominio" da lingua e achégase a temas como o sensacionalismo xornalístico, a xenofobia ou a estratificación das redaccións dun xornal, empregando tanto unha narrativa máis lírica como unha escrita máis xornalística e apegada á realidade.
Aínda que esta é a súa primeira novela, Sara Vila, xornalista do Diario de Pontevedra e natural de As Neves, xa gañara en 2016 o Certame de Relatos Curtos Os Viadutos, en Redondela, e en 2019 acadou o premio Comunicar en Igualdade, que convoca a Xunta de Galicia, por un artigo de opinión.