'Nación', de Margarita Ledo, presentouse no Teatro Principal dentro dos actos de 'Novembro, mes da memoria'

Pontevedra
21 de novembro 2020

Asistiu a directora do filme ao igual que intérpretes desta película que conta a historia das traballadoras da fábrica de A Pontesa, que estaba situada en Ponte Sampaio. O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Memoria Histórica Xaquín Moreda tamén se achegaron ao Principal para ver a película sobre a histórica factoría de louza

Integrantes do elenco interpretativo de 'Nación' coa directora Margarita Ledo Nós Cinema

Dentro dos actos relacionados coa memoria histórica que o Concello de Pontevedra desenvolve durante a campaña 'Novembro, mes da memoria', este venres presentábase no Teatro Principal de Pontevedra a película 'Nación' da directora Margarita Ledo.

Ao acto asistiron tanto a directora do filme como o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Memoria Histórica Xaquín Moreda, ademais de diversas protagonistas desta obra que mostra a loita antipatriarcal das traballadoras da fábrica de louza A Pontesa, situada na parroquia de Ponte Sampaio, entre os anos 1961 e 2001. 

Estas mulleres mostran as dificultades ás que se enfrontaron durante estes anos para acceder a un traballo asalariado e o que supuxo o peche desta histórica fábrica.

O 'Mes da Memoria' finalizará esta próxima semana coa inauguración dun panel explicativo sobre Josefina Arruti nesta rúa e coa presentación no Culturgal da obra 'Os berros da motocicleta' do ilustrador Kiko da Silva sobre esta muller solidaria que abriu o panteón familiar para acoller restos de represaliados durante a ditadura franquista.