José Malvárez Carleos, creador coruñés, formado na escola pontevedresa O Garaxe Hermético, realiza a entrega dun novo traballo, que leva por título 'Na procura da Creatividade', unha obra que ofrece un peche a todas as tramas abertas durante anos nas súas diferentes publicacións.
Esta nova historia divídese en sete episodios. A acción sitúase nun planeta alonxado, onde a nena protagonista iniciará unha viaxe na procura da Luz da Creatividade para descubrir un enfrontamento polo control das historias producidas desde a orixe do mundo.
Ao longo das vindeiras semanas, os lectores de PontevedraViva poderán seguir cada día unha nova páxina en lingua galega desta nova obra de José Malvárez Carleos, un dos autores que destacan nas novas xeracións creativas de banda deseñada en Galicia.
JOSÉ MALVÁREZ CARLEOS
O ilustrador coruñés formouse na cidade de Pontevedra, na escola de creadores gráficos de Kiko da Silva, O Garaxe Hermético. O seu obxectivo é manter unha continua actividade creativa e o máis destacado do seu amplo traballo artístico pode lerse a través de www.piuley.es.
Con motivo da celebración do Festival de Banda Deseñada Viñetas desde o Atlántico 2019 publicou en formato físico e dixital a través de Amazon o primeiro volume das historias de 'Narrador', que se pode adquirir a través desta ligazón.
Ademais, en novembro de 2019 José Malvárez publicaba en papel o segundo número de Biblioteca Piuley, 'Soñadores', a historia da artista que se pode adquirir nesta ligazón: https://www.amazon.es/
En PontevedraViva podes ler moitos dos seus traballos gráficos como, entre outros, 'A derradeira viaxe', Ela e máis el', 'Soñadores'; 'Reverso'; 'La Posada de las Historias'; 'Narrador'; 'Pura ficción'; 'Viaxe en tren'; a historia curta, 'O hórreo', 'Viaxes entre viñetas', 'Escuridade', '100 Historias' ou '§'.