A área de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra pon en marcha o programa Musigal, destinado especificamente a grupos musicais profesionais da provincia, e que conta cunha dotación orzamentaria de medio millón de euros.
O Musigal inscríbese no marco das accións do Ano da Lingua e segundo explicou o deputado responsable da área, Xosé Leal, supón "unha aposta firme pola nosa lingua e pola promoción da música galega e en galego".
Esta convocatoria, que será aprobada na Xunta do Goberno provincial deste venres, contempla un prazo de inscrición para os grupos desde a súa publicación no BOPPO ata o 6 de abril, e permitirá que os concellos de menos de 50.000 habitantes opten a un máximo de 3 actuacións ao longo deste ano.
"Por unha banda, o que pretendemos con este programa é que os concellos se involucren e aposten pola promoción da música galega e en galego, e por outra, que teñan apoios para contratar música profesional nos diferentes estilos que triunfan hoxe en día, desde os máis clásicos aos máis contemporáneos", asegura Xosé Leal.
Segundo as bases da convocatoria, poderán inscribirse no Musigal unicamente artistas e grupos musicais profesionais con domicilio social en Pontevedra, que aborden de xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega e que nos seus concertos fagan música en galego ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega.
Os concellos poderán solicitar as actuacións inscritas no Musigal antes do 30 de abril. Todas as actuacións concedidas serán cofinanciadas ente a Deputación e os concellos. O organismo provincial asumirá o caché do espectáculo do grupo ou artista, mentres que o concello aboará a produción da actuación: equipos de son, luz, escenario e demais medios necesarios para o desenvolvemento da actuación.