En marzo de 2023 e tras seis anos de parón volveron celebrarse en Pontevedra as Hip Hop Sessions, un evento centrado na música urbana que pretende dar espazo a artistas locais brindándolles a oportunidade de dar un concerto ante a xente e sempre de forma remunerada. Falamos co fundador deste evento, Rayco García, coñecido musicalmente como Uncle Doc, acompañado de Luís Rodríguez, a súa "man dereita", para coñecer ao detalle a dinámica deste movemento, os seus inicios, e os obxectivos do mesmo.
AS RAÍCES
Rayco é un músico pontevedrés que leva máis de dez anos vinculado ao Hip Hop na cidade. Considerado como un dos artistas máis míticos da vella escola en Pontevedra, decidiu recuperar unha iniciativa que comezou no 2015, esta vez de forma máis profesionalizada, e conThe Groove House como sede para acoller as denominadas Hip Hop Sessions. Para iso conta coa axuda de Luís Rodríguez, coñecido na escena local como Luisillo e membro do grupo Real La Clika.
Todo comezou no ano 2015, nun baixo acondicionado por Rayco e de maneira privada para a xente próxima ao movemento. Tal e como explica o seu fundador, naquel momento a música rap era moito máis descoñecida e ignorada na cidade, polo que celebraban este evento para que a xente vinculada a este xénero musical puidese gozar dunha actividade deste tipo ao non haber ningunha outra proposta similar na zona.
Rayco explica que enviaban invitacións do evento por Facebook e alí uníanse todo tipo de artistas e DJ. Nomes como N.Skillzz, Perros Norteños, De Buena Tinta, Eleka Familia ou Demecee foron algúns dos primeiros en pasar por estas sesións de Hip Hop, que se trasladaron ao antigo Bar Platino durante uns 6 meses para terminar celebrando a súa última edición de maneira privada, de novo no baixo de Rayco, no ano 2017.
RENOVACIÓN
Tras seis anos de parón, o pasado mes de marzo volveron estas sesións de Hip Hop de maneira totalmente renovada, cun novo formato, un novo espazo, e novos artistas emerxentes. O seu fundador explícanos que o evento se celebra o terceiro venres de cada mes en The Groove House. A actividade divídese en catro partes:
En primeiro lugar, un artista considerado rookie ou emerxente abre o evento cun showcase duns 15-20 minutos. Séguelle un Cypher, é dicir, unha canción de máis duración do normal, podendo estenderse ata dez ou máis minutos, na que participan varios artistas da zona. Para pechar as actuacións, chega o momento do concerto dun músico máis consolidado na cidade, que conta con algo máis de media hora de "bolo". Tras todo iso, ten lugar unha post-party no propio local a cargo dunha sesión de DJ.
A primeira edición deste 2023 contou con Adriano para abrir as actuacións cun showcase, seguido do Vol.1 do Cypher 36900, formado por varios artistas da zona de Marín e arredores. O evento pechouse cun concerto do rapero pontevedrés Arrax e unha sesión de DJ de Geagle.
Luís afirma que a primeira edición tras o parón, celebrada o 17 de marzo, tivo unha gran acollida entre a xente, logrando superar as expectativas dos organizadores. A pesar de cadrar ese día con outras ofertas culturais de gran interese como o Black Hole en Sala Karma, as Hip Hop Sessions lograron vender máis do dobre de entradas das que se estimaban, algo que, tanto Rayco como Luís, cualifican de éxito rotundo. "A xente respondeu xenial. a expectativa que tiñamos era outra totalmente", confesaba Rayco.
Outra dos puntos fortes do evento é que conta cun equipo de vídeo profesional que se encarga de gravar as actuacións para a súa posterior publicación. A primeira edición contou coa produtora pontevedresa Pixelecer. "Subimos un vídeo de cada artista que actúe mostrando a metade do seu show", explicaba o organizador do evento.
Doutra banda, o seu fundador afirma que a finalidade desta actividade é que os artistas poidan compartir a súa música, crear sinerxias con outros músicos e produtores, e poder facer contactos en cada sesión. Desde a organización botan en falta máis plataformas e espazos que apoien este movemento.
"Entendo que cando fan eventos teñen que traer artistas importantes para atraer público. O que non pode ser é que non se conte con xente de aquí", apunta Rayco. Luís, pola súa banda, exemplifícao explicando que "o ano pasado viño Fernando Costa a tocar nas Peregrinas. Quen o teloneó? Ninguén".
Tanto Luís como Rayco entenden que este xénero musical era certamente descoñecido hai anos, pero "a escena cambiou, a xente cambiou e o propio público cambiou", polo que pensan que a música urbana está a gañar terreo e falta implicación por parte dos promotores e as administracións públicas.
FUTURO HIP HOP SESSIONS
En relación ao futuro, Rayco explica que a próxima edición, seguindo a filosofía de celebrarse o terceiro venres de cada mes, será o 21 de abril. Nesta ocasión os artistas serán Kzt para o showcase, o Vol.2 do Cypher 36900, e un concerto do rapero M. Moreno. "Temos cinco sesións practicamente pechadas. A partir de aí esperamos consolidar o evento na cidade".
Doutra banda, Rayco e Luís esperan que, co recadado durante estas sesións, poidan traer a un artista máis consolidado no panorama nacional. "Agora hai unha escena potente en Pontevedra. O que queremos é que a xente que leva anos apostando por isto sexa quen leve estas iniciativas".
Os organizadores ven neste evento unha oportunidade para que os artistas da cidade, que habitualmente se ven obrigados a autofinanciar todas as súas cancións sen sacar rédito diso, poidan xerar ingresos a través de concertos.
"Ao final ti tes que producir todo sen sacar ningún beneficio. Os concertos son unha forma de sacar rédito da túa música", explica Rayco. Outro dos propósitos de manter estas sesións no tempo é achegar e crear cultura na zona, algo que desde a organización botan en falta.
Para acabar. Rayco e Luís animan á xente a asistir ás próximas Hip Hop Sessions para coñecer de primeira man de que trata o evento. Luís apunta que "a música en directo é o máis bonito que hai", e piden a promotores e ao Concello que se fixen máis nestas iniciativas porque en Pontevedra "hai moita escena".