Música e poesía para un sábado de 'Matinés' con Lagartija Nick

Pontevedra
04 de novembro 2023

Os granadinos Lagartija Nick foron protagonistas este sábado 4 de novembro dunha nova xornada do ciclo musical As Matinés do Principal

Concerto de Lagartija Nick no Teatro Principal de Pontevedra Cristina Saiz

Os granadinos Lagartija Nick foron protagonistas este sábado 4 de novembro dunha nova xornada do ciclo musical As Matinés do Principal.

No Teatro Principal a banda presentou o seu último traballo, 'El perro andaluz', que supón unha homenaxe ao director de cinema Luis Buñuel na súa faceta menos coñecida de poeta, pero tamén a Lorca, José Val del Omar e a outros pioneiros do cinema e creadores que perfeccionaron a arte de capturar a luz e convertela en narración, segundo sinalaba a presentación do espectáculo.

Ademais da parte musical o concerto contou cunha pantalla central na que se proxectaron contidos orixinais.

Todo con ritmos inspirados nas músicas de principios do século XX como o jazz, foxtrot, charleston ou two-step xunto a músicas populares como a xota ou o fandango.

Unha orixinal proposta que se completou o venres coa estrea en Galicia do documental 'La importancia de llamarse Ernesto y la gilipollez de llamarse Eric', que repasa  a vida do batería dos Planetas e Lagartija Nick, Eric Jiménez.