Música e gastronomía, unha oferta "espectacular" para un festival "inimitable" como PortAmérica

Pontevedra
29 de maio 2018

Un festival "inimitable" que ofrece unha "espectacular" oferta musical e gastronómica, permitindo que o público goce dunha experiencia "única" nunha contorna natural "incomparable" como é a carballeira de Caldas de Reis. Así se referiron a PortAmérica, entre outros eloxios, organizadores, autoridades e patrocinadores durante a súa presentación

Presentación do festival PortAmérica na Deputación Alejandro Vila

Un festival "inimitable" que ofrece unha "espectacular" oferta musical e gastronómica, permitindo que o público goce dunha experiencia "única" nunha contorna natural "incomparable" como é a carballeira de Caldas de Reis. Así se referiron a PortAmérica, entre outros eloxios, organizadores, autoridades e patrocinadores durante a súa presentación.

Máis de trinta artistas pasarán polos escenarios de PortAmérica durante os días 5, 6 e 7 xullo, as datas elixidas para a sétima edición dun festival que mantén intacto o seu espírito de servir de ponte de unión entre Europa e América latina.

Así, o xoves 5 de xullo actuarán Imelda May, La Pegatina, Pussy Riot, Jenny and the Mexicats, Los Auténticos Decadentes, Chico Trujillo, Los Caligaris, Azul Violeta, Mitú e Carlos Méndez.

Vetusta Morla, La Habitación Roja, Viva Suecia, Neuman, Miranda!, We Are Standard, La Vida Boheme, Iseo & Dodosound with the Mousehunters, Habitación Vudú, Arturo Paniagua DJ e Alto Volta, o grupo gañador do concurso Sons Mans, serán a oferta do venres 6 de xullo.

A última xornada de PortAmérica, o sábado 7 de xullo, estará reservada para Izal, Xoel López, El Columpio Asesino, ElyElla, Los Coronas, Pasajero, We The Lion, Shinova, Jacobo Serra, Luis Brea y el miedo e Pardo.

Do cartel cae finalmente a banda mexicana Mexrrissey que, por razóns alleas ao festival, non poderá viaxar a España no verán e cancelou o seu concerto en Caldas de Reis.

Pero, sen dúbida, o que converte a PortAmérica nun evento "imprescindible" é a súa programación gastronómica.

O ShowRocking, capitaneado un ano máis polo pontevedrés Pepe Solla, reunirá a máis dunha trintena de chefs internacionais -cunha ampla representación da cociña galega- para facer gozar ao público con petiscos únicos creados especialmente para o festival. "Con solo ver el listado, me siento muy orgulloso", explicou o comisario.

Andoni Luís Aduriz, "una referencia en todo el mundo" polo seu traballo en Mugaritz, está á fronte dunha lexión de cociñeiros que inclúe aPablo González (Cabaña Buenavista), Diego Guerrero (DSTAgE), Roberto Guerrero (Punto MX), Paco Morales (Noor), Maca de Castro, Yolanda León (Cocinandos), Begoña Rodrigo (La Salita) ou Germán Espinosa (Fonda España).

Tamén cociñarán no ShowRocking o mexicano Edgar Núñez (SUD777), el portugués Kiko Martins (A Cevichería), el panameño Mario Castrellón (Maito), el argentino Estanis Carenzo (Sudestada) ou o peruano Christian Bravo (Bravo Restobar).

A cociña galega estará representada por Yayo Daporta, Javier Olleros (Culler de Pau), Xoán Crujeiras (Bido), Julio Sotomayor y Daniel Guzmán (Nova), Lucía Freitas (A Tafona), Beatriz Sotelo, Diego López (La Molinera), Álvaro Villasante (Paprica), Roberto Filgueira (O Balado), Antonio Botana (Pandemonium), Iñaki Bretal (O Eirado) e Pablo Romero (Vinoteca Vagos).

PortAmérica será o primeiro dos #RíasBaixasFests en celebrarse este verán e, para celebralo, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que o festival será un "espazo cuxo único obxectivo é que sexamos felices", ofrecendo aos asistentes "festa, convivencia, sociabilidade e alegría".

"Non ides a ser capaces de quitarme do festival durante toda a fin de semana", afirmou Silva, que celebrou especialmente a aposta polos produtos galegos nunha zona gastronómica "como non hai en outro lugar".

O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, destacou que "o día máis feliz do ano sempre é a presentación do festival", xa que asegurou que " contribúe a singularizar a nosa vila" e que, fronte a outros produtos  é PortAmérica quen lle saca brillo, lustre e esplendor", non só no aspecto socioeconómico senón polo seu retorno cultural.

Os abonos para o festival pódense adquirir por 60 euros, mentres que as entradas para cada día custan 30 euros. Ademais, xa están dispoñibles tamén os pases, por un prezo de 20 euros, para a zona de acampada que repetirá localización á beira o río pero, como novidade, contará con amplas zonas de sombra.

Haberá ademais autobuses gratuítos ida e volta desde Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago, Noia, Ribeira, Catoira, Vilagarcía, Sanxenxo, Portonovo, Cambados, Bueu e Cangas.

Manterase, un ano máis, o mercado de creadores e para combater as violencias machistas haberá un servizo de "chalecos violetas", persoas ás que se poderá acudir ante calquera problema e que, ademais, farán un importante labor de prevención durante todo o festival.

PortAmérica fará, doutra banda, unha importante aposta pola sustentabilidade e, a este respecto, puxo en marcha a iniciativa 1 entrada 1 árbore, que permitirá reforestar un monte de Caldas de Reis con especies autóctonas. Cada un dos asistentes ao festival poderá plantar, se así o desexan, o seu propio exemplar.