Música, cor e gastronomía enchen o Atlántico Express entre Vigo e Porto

Pontevedra
04 de xuño 2017

Conta atrás para os Festivais Rías Baixas 2017. En menos dun mes, o Atlantic Fest da Illa de Arousa será o inicio dun verán cheo de música. Para promocionar os oito máis un eventos que nos agardan este ano, o Atlántico Express volveu unir as cidades de Vigo e Porto, un percorrido que estivo marcado pola música en directo e a gastronomía das Rías Baixas

Pasaxeiros do Atlántico Express á súa chegada a Porto Deputación de Pontevedra

Conta atrás para os Festivais Rías Baixas 2017. En menos dun mes, o Atlantic Fest da Illa de Arousa será o inicio dun verán cheo de música. Para promocionar os oito máis un eventos que nos agardan este ano, o Atlántico Express volveu unir as cidades de Vigo e Porto, un percorrido que estivo marcado pola música en directo e a gastronomía das Rías Baixas.

No tren, fletado pola Deputación de Pontevedra e Renfe para a viaxe á cidade portuguesa de Porto, viaxaron case 200 persoas que gozaron da música de varios grupos e artistas que actuarán nos festivais e degustaron diversos produtos gastronómicos da provincia.

A presidenta, Carmela Silva, que estivo acompañada por alcaldes e delegacións de concellos da provincia como Caldas, A Guarda, Vigo e O Grove, cidades que ademais do seu interese turístico albergan algún dos Festivais Rías Baixas, mostrouse convencida da súa aposta.

"Estou convencida de que os Festivais Rías Baixas serán un dos auténticos elementos de atracción e visualización dun espazo como Rías Baixas que o ten todo. Todo o que un desexa coñecer está en Rías Baixas. Hai miles e miles de razóns para vir. Temos un paraíso que oferta todo aquilo que podemos soñar", sinalou Silva.

A novidade deste ano foi a presencia no Atlántico Express dun notable grupo de influencers, blogueiros, tuiteiros e instagramers procedentes da provincia, doutras cidades como Oviedo ou Barcelona e de Portugal, que se incorporaron ao tren á volta de Porto, e que pasarán este domingo de visita nas Rías Baixas.

Entre todos eles converteron Rías Baixas en protagonista das redes sociais. De feito, á súa chegada á Porto, Silva mantivo un encontro cos instagramers da cidade portuguesa e cos promotores dos RíasBaixas Fests na zona da coñecida Torre dos Clérigos.

O Atlántico Express contou coas actuacións en directo dos grupos e solistas Basanta, Tincho Fernán, Najla Shami e Mounqup.

Todos eles actuarán este verán nalgún dos Festivais Rías Baixas, Atlantic Fest (A Illa de Arousa), Cultura Quente e PortAmérica (Caldas de Reis), O Marisquiño (Vigo), SinSal Son Estrella Galicia (Illa de San Simón), Son Rías Baixas (Bueu), Revenidas (Vilaxoán) e Vive Nigrán (NIgrán) ademais da festa conxunta que celebrarán en Cambados como peche da campaña por mor do título de Cidade Europea do Viño. 

Ademais da música en directo, os viaxeiros puideron desgustar a bordo do tren dunha excelente oferta de produtos gastronómicos, tradicionais, orgánicos e ecolóxicos de varias comarcas da provincia como os queixos da Queixería Cobideza, que ademais foron servidos pola mestra queixeira Berta González, marmeladas ecolóxicas da man de "Amorodo", roscóns de Caldas e da Guarda e caldos albariños da bodega Pazo de Villarei do Salnés.

"As cousas que funcionan ben hai que repetilas e melloralas como fixemos este ano", explicou Carmela Silva, que destacou que o ano pasado os visitantes portugueses foron moitos máis que outros anos "e, polo tanto, este tipo de iniciativas teñen retornos".