Música, contos e ilustracións mestúranse no espectáculo "A sinfonía das fábulas"

Pontevedra
15 de abril 2016

A Banda de Música de Pontevedra puxo este xoves o seu gran de area no Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Foi co concerto A sinfonía das fábulas, no que colaboraron coa contadora Raquel Queizás e o alumnado do Máster en Libro Ilustrado da Facultade de Belas Artes

Representación do espectáculo "A sinfonía das fábulas" no Teatro Principal

A Banda de Música de Pontevedra puxo este xoves o seu gran de area no Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Foi co concerto A sinfonía das fábulas, no que colaboraron coa contadora Raquel Queizás e o alumnado do Máster en Libro Ilustrado da Facultade de Belas Artes.

O Teatro Principal envolveuse dunha maxia especial. Música, contos e ilustracións mesturáronse sobre o escenario con este espectáculo inédito, deseñado en exclusiva para o Salón.

Nel, a contadora Raquel Queizás, no papel da Micha Bicho -una gatiña adorable- e as ilustracións do alumnado de Belas Artes, dirixidos por Itziar Ezquieta, acompañaron á música da banda pontevedresa.

Un traballo conxunto onde a palabra, a música e as ilustracións deron vida a diferentes fábulas e contos clásicos coñecidos por todos.

Así, os nenos puideron gozar coas especiais interpretacións, entre outros, dos contos O león e o rato, O frautista de Hamelin, A lebre e a tartaruga, O parruliño feo ou Os tres cabuxiños.