Música, baile, cinema e festa para iniciar xullo nunha Pontevedra "sen parada"

Pontevedra
01 de xullo 2022

O programa de verán do Concello de Pontevedra inicia o novo mes con actividades diversas e variadas, tanto en espazos como en gustos

Dúo Karolina, Mikołajczyk & Iwo Jedynecki, Concello de Pontevedra

No momento da presentación da Axenda de Verán deste 2022 xa se deixou claro que "Pontevedra non terá parada". Así o mes de xullo comezará na Boa Vila cunha apretada axenda cultural que dá boa conta desta mensaxe pronunciada pola concelleira de Festexos, Carme da Silva, e que se trasladará ao resto das vindeiras semanas.

O Ambienta chegará este venres á súa fin co acto de clausura ás 22 horas e coa proxección de até cinco curtametraxes na praza da Pedreira: Ensom Cowgirl, Son of Sodom, Victoria, Dustin e Marlon Brando.

Ademais, e co gallo da celebración Día Internacional do Orgullo —que será celebrada o sábado 2 de xullo— a contorna do Gafos acollerá diferentes actividades que van desde unha sesión vermú, a un ‘xantar colorido’, pasando por unha ‘sesión tardeo’ con diferentes picadiscos, obradoiros drag e de pintura e unha sesión de noite no mesmo parque con música.

Cómpre lembrar que tamén se celebrará este 2 de xullo a Manifestación Orgullo 2022: ‘Reivindicando a nosa memoria’, ás 20 horas, con saída da praza do Hospital Provincial.

Santa Clara, escenario privilexiado que este ano logrou un protagonismo absoluto dentro da cidade a través de conferencias, encontros, relatorios, concertos e proxeccións, volverá acoller vibracións acústicas e melódicas na súa antiga igrexa. O III Festival de Música de Cámara Cidade de Pontevedra será celebrado entre o 2 e o 3 de xullo, cos concertos de Rhea, o sábado ás 20 horas; e o Dúo Karolina, Mikołajczyk & Iwo Jedynecki, o domingo ás 20 horas.

Por último, na avenida de Montero Ríos e na Praza da Ferraría, serán desenvolvidas unha serie de citas coa danza e o baile como base e protagonista absoluta. Clases, exhibicións e festas de balde forman parte da programación de Baila Pontevedra, o II Festival Danzas do Mundo, organizado por diferentes artistas e escolas nacionais e internacionais. O evento ten programadas varias actividades entre o 1 e o 3 de xullo, de 16 horas a 22 horas en Montero Ríos o primeiro día; mais tamén na Ferraría os días restantes.