Música a todo trapo para un apoteósico inicio do festival Surfing the Lérez

Pontevedra
23 de xuño 2022

Tres anos tivemos que esperar para poder volver gozar do festival Surfing the Lérez na Illa das Esculturas. Tras a pandemia, a cita coa que tradicionalmente arranca o verán pontevedrés volveu a encher de música e bo rollo este enclave natural da cidade

Primeira xornada do Surfing the Lérez 2022 Mónica Patxot

Tres anos tivemos que esperar para poder volver gozar do festival Surfing the Lérez na Illa das Esculturas. Tras a pandemia, a cita coa que tradicionalmente arranca o verán pontevedrés volveu a encher de música e bo rollo este enclave natural da cidade.

O festival, que este ano quixo comezar coincidindo coa noite de San Xoán, arrancou sobre as cinco e media da tarde co concerto de Uncle Dog & The Homeboys, tras o que soou a música de Wygga, YNGZ ou Budiño.

Ariezzz, Ortiga e unha sesión DJ con Carlangas e Sebastian Black poñen o broche de ouro a este primeiro día do Surfing the Lérez que, como é habitual, tivo entrada gratuíta aínda que cun matiz solidario, ao recoller alimentos non perecedoiros para entidades sociais.

Pero tras este xoves, a música non se detén. Heredeiros da Crus serán os encargados de abrir a segunda xornada do Surfing The Lérez, o venres, á unha da tarde. Será, xunto co retorno aos escenarios da banda pontevedresa Dismal, o prato forte do día.

O cartel do venres acollerá ademais propostas de corte moi diverso, todas elas de grupos e artistas galegos como Ruxe Ruxe, Moura ou Thee Blind Crows.

A experiencia de Indy Tumbita, acompañado por The Voodoo Bandits; Anxo Araújo ou as bandas locais Gazela, O Cadelo Lunático e Fondo Norte completan a oferta musical do venres, que concluirá cunha sesión do DJ residente da Duendeneta, Carlos Crespo.

O escenario Karma Club estará dedicado durante toda a xornada a sesións de DJ e por el pasarán Señora DJ, Kris K DJ, DJ Diñeiro e Maefield.