A páxina web do Museo de Pontevedra exhibe desde este mércores o catálogo dos fondos que custodia nunha nova sección chamada "Explora a colección", na que calquera persoa pode consultar os 25.182 rexistros dispoñibles en liña.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e da directora do Museo, Ángeles Tilve presentaron esta nova ferramenta que ten como obxectivo pór "a disposición da sociedade" e "desde calquera lugar do mundo" toda a colección do Museo, que é moito máis ampla que aquilo que ten cabida nas salas da exposición permanente.
Ángeles Tilve indicou que nas salas dos edificios Castelao e Sarmiento tan só están expostas ao redor de 1.250 pezas.
O departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación encargouse desta nova aplicación xunto ao equipo de conservación do Museo que elaborou as fichas dos bens catalogados.
De cada obra pode consultarse a súa autoría, a cronoloxía e escola á que pertence, características como as dimensións, a técnica e os materiais, a temática e as coleccións nas que se insere, así como datos puntuais dalgúns rexistros, como a forma de ingreso e títulos alternativos ou campos específicos de determinados tipos de bens, como os arqueolóxicos ou os numismáticos.
Cada ficha incorpora tamén, na maioría dos casos, unha ou varias imaxes.
Para axudar na consulta, a ferramenta conta cun completo buscador que permite realizar procuras por texto libre ou por outro nove criterios, como a autoría, o tema, a escola ou o material. A busca permite combinar varios destes criterios e, desde calquera das fichas, acceder ao conxunto de rexistros coas que esa obra comparte autoría, época ou colección.
Proximamente incorporaranse novas funcionalidades ademais da constante ampliación do número de rexistros visibles que actualmente se sitúa no 90% das máis de 28.000 obras inscritas na colección de obxectos históricos e artísticos do Museo.