O Museo de Pontevedra expón as escenografías realizadas por Castelao para a Sociedad Coral Polifónica

Pontevedra
13 de marzo 2025
Actualizado: 14 de marzo

A mostra está comisariada polo ex director do Museo e presidente da Polifónica, Carlos Valle, e poderase visitar ata o 20 de abril

Exposición "Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un século de música coral en Galicia"
Exposición "Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un século de música coral en Galicia" Mónica Patxot

O Museo de Pontevedra abrirá ao público a partir deste venres 14 de marzo unha exposición que percorre o século de existencia da Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, que inclúe reproducións das escenografías realizadas por Castelao na década de 1920.

A mostra está comisariada polo ex director do Museo e presidente da Polifónica, Carlos Valle, e poderase visitar ata o 20 de abril.

Este xoves tivo lugar unha visita guiada para os medios de comuniciación, na que participaron o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; a directora do Museo, Ángeles Tilve, e o comisario da exposición Carlos Valle.

Tal e como destacou Domínguez esta mostra permite achegarse a unha das partes menos coñecidas da obra de Castelao: as escenografías que fixo para esta agrupación coral. "Se es de Pontevedra tes que vir a esta exposición, porque é parte da historia da nosa cidade", asegurou o vicepresidente provincial.

Carlos Valle tamén animou a cidadanía da capital "a reencontrarse con parte do seu pasado" nesta exposición, reiterando que é unha mostra "para ver con calma e visitar máis dunha vez", cun interese que "vai máis aló do local", pola significación que esta agrupación tivo ao longo da súa historia para a cultura galega.

A mostra fai un percorrido pola historia da Sociedad desde a súa fundación o 3 de febreiro de 1925, sendo a primeira coral galega que incorporou mulleres á súa nómina de cantores.

A Polifónica combinaba composicións antigas e modernas, entre as que destacaban as producidas polos seus propios directores, unha tradición mantida ao longo do tempo.

Na exposición pódense ver partituras manuscritas, programas de man, recoñecementos e condecoracións, discos gravados nos primeiros anos de existencia da Coral e outras gravacións posteriores, e un amplo repertorio fotográfico que cobre os cen anos de historia desta entidade.

Na mostra teñen un lugar destacado as figuras clave no nacemento da agrupación: Antón Losada Diéguez, Alfonso Daniel Rodíguez Castelao, Antonio Blanco Porto e Antonio Iglesias Vilarelle. Estes dous últimos foron, respectivamente, o seu primeiro e o seu segundo director.

Ángeles Tilve, explicou que na súa estancia en París en 1921, Castelao quedou entusiasmado coas representacións dos coros ucraínos e do Teatro do Morcego de Nikita Balieff, o que lle inspirou a posibilidade de crear en Galicia un teatro de arte. Nesa estancia na capital francesa descubriu novidosas fórmulas escénicas que logo aproveitou para deseñar unha escenografía para a Polifónica.

Castelao realizou cinco panos para a primeira actuación da coral nun marco civil, o 23 de marzo de 1926 no Teatro Principal de Pontevedra. Pintounos en augada e tinta sobre papel, realizando un pano de boca, no que representa a san David, e outros catro panos: Sala para música profana ou Sala dos Quiquiriquís; Pórtico románico; Rosetón oxival, que sería sempre o máis loado dos decorados da Polifónica, e Alcoba.

En abril de 1926 estreou Rúa, no Teatro Principal de Santiago, e Interior de igrexa, no de Pontevedra e, en decembro dese mesmo ano, un segundo pano de boca, Arco da vella, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. En novembro de 1934, a piques de marchar cara ao desterro en Badaxoz, Castelao presentou no Teatro Principal de Pontevedra o que foi o seu último pano para a Polifónica, o monumental Capela oxival.

O Museo conserva, en depósito da Sociedad Coral Polifónica, oito destas escenografías. Na exposición móstrase a reprodución a escala de cinco delas, xa que, polas súas enormes dimensións, non é posible exhibir as orixinais. Tamén se inclúen fotografías das dúas que hoxe están perdidas.